A Xunta avalía con representantes do sector do ocio nocturno as medidas de prevención da covid-19

O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, mantivo unha nova reunión de seguimento con representantes do sector, a quen agradeceu o cumprimento maioritario do protocolo, agás excepcións

O sector pide que se intensifiquen aínda máis os controis e sancións aos incumpridores
 

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2020

O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, mantivo esta mañá por videoconferencia unha nova reunión de seguimento con representantes do ocio nocturno para avaliar a aplicación do protocolo de medidas preventivas ante a covid-19, en vigor desde o 1 de xullo, cando volveron abrir estes establecementos.

Rueda puxo en valor que o sector está cumprindo de forma maioritaria as medidas preventivas, agás algunhas excepcións. Destacou o esforzo que están facendo os locais para implementar as recomendacións de seguridade, así como a súa vontade de cumprimento. Neste sentido, o propio sector pediu que se intensifiquen aínda máis os controis e sancións aos incumpridores.

O vicepresidente recordou que a Policía Autonómica ten en marcha, desde finais do mes de xuño, un Plan de actuación específico destinado á inspección e control das medidas fronte á covid-19. Un dos aspectos que se inclúen dentro deste Plan especial de vixilancia é o control do ámbito do ocio nocturno, especialmente durante os festivos e as fins de semana.

A Xunta destacou que en próximas datas manterá novas reunións co sector para seguir avaliando o cumprimento das medidas.

Protocolo de ocio nocturno

A Xunta aprobou a finais do mes de xuño un protocolo coas medidas de seguridade e limitacións de aforo que deberán seguir os locais de ocio nocturno. O texto foi elaborado por expertos sanitarios e tras manter reunións con representantes deste sector.

Entre outras medidas, o protocolo fixa que nos locais nocturnos deberase manter a distancia interpersoal, usar máscara e intensificar a hixiene, desinfección e ventilación. Tamén limita o aforo a dous terzos, isto é, por debaixo do 75 por cento que está fixado para os locais de hostalería a restauración; e tamén limita as pistas de baile a unha persoa por cada 3 metros cadrados.

Nos locais debe haber un sistema de rexistro para poder localizar aos clientes no hipotético caso de que se detectase un positivo. Este sistema de rexistro é obrigatorio en todos os locais, pero a cesión de datos por parte do cliente é voluntaria. Os datos empregaranse só para o ámbito sanitario, e non poderán usarse para fins comerciais.
 

Imaxes relacionadas