A Xunta licita a redacción do proxecto construtivo para a mellora do sistema de saneamento do concello de Rodeiro
A Plataforma de contratos de Galicia recolle a licitación desta actuación por un importe superior aos 113.500 euros
As empresas interesadas en redactar este proxecto, cun prazo de execución de 10 meses, poden presentar as súas ofertas ata o día 10 de agosto
Trátase de materializar a solución axeitada para a xestión e tratamento das augas residuais no núcleo urbano do municipio, que carece na actualidade de depuradora
Os traballos faranse en base á alternativa seleccionada nun estudo previo, que inclúe a execución de 14 tramos de colectores de saneamento e un xeral con 2 ramais de conexión ao mesmo e unha depuradora para 700 habitantes equivalentes
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento, abastecemento e depuración
A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, vén de licitar a redacción do proxecto construtivo para a mellora do sistema de saneamento do concello de Rodeiro.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou a licitación destes traballos por un importe de máis de 113.500 euros.
As empresas interesadas na redacción deste proxecto teñen de prazo ata o día 10 de agosto para presentar as súas ofertas. O prazo de execución do contrato é de 10 meses.
Trátase de materializar a solución axeitada para a xestión e tratamento das augas residuais no núcleo urbano do municipio, que carece na actualidade dunha estación depuradora de augas residuais. Para iso Augas de Galicia redactou o pasado ano un estudo de alternativas para o saneamento de Rodeiro, no que se analizaron posibles actuacións de mellora da rede de saneamento existente.
Debido ás deficiencias detectadas no sistema de saneamento do municipio e despois de analizar e actualizar os datos dispoñibles, o organismo hidráulico da Xunta impulsa este contrato para a redacción do proxecto construtivo completo da alternativa inicialmente seleccionada no estudo realizado pola Xunta. O obxectivo é permitir unha axeitada xestión e tratamento das augas residuais de Rodeiro.
Os traballos contratados por Augas de Galicia definirán o proxecto construtivo para a mellora do sistema e realizaranse en base á alternativa proposta no citado estudo. A solución seleccionada consiste na execución de catorce tramos de colectores de saneamento na rede actual, para conseguir a efectiva separación das augas pluviais e fecais; a construción dun colector xeral, dous ramais de conexión ao mesmo desde a rede do núcleo de Rodeiro e unha estación depuradora de augas residuais para 700 habitantes equivalentes.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento.