A Xunta destaca que o acceso a unha formación especializada é o camiño para a creación de máis emprego en Galicia

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou hoxe aos alumnos e alumnas que participan no obradoiro dual de emprego que comparten os concellos de Ordes, Mesía e Frades

Os participantes están recibindo formación en conservación e mellora de montes e en repoboacións forestais e tratamentos silvícolas

Casal pon en valor estes programas que ofrecen cualificación, un contrato laboral e a obtención dun certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado
 

Ordes (A Coruña), 20 de xullo de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou hoxe en Ordes o obradoiro dual de emprego no que tamén participan os concellos de Frades e Mesía. Un total de 20 alumnos e alumnas están recibindo formación especializada en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, ao tempo que contan cun contrato de traballo e poden acceder a un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Casal puxo en valor estes programas mixtos que combinan formación e emprego destacando que o acceso a unha cualificación especializada é o camiño para a creación de máis emprego en Galicia.

O director xeral lembrou que a Xunta desenvolve os obradoiros de emprego en colaboración cos concellos e entidades indicando, ao respecto, que a cooperación é clave para a recuperación económica. Así mesmo, apuntou que unha formación para o emprego axeitada permite responder ás principais demandas dos novos mercados laborais no novo escenario económico poscovid-19 e afirmou que a formación é dinamizadora do emprego de calidade e da inserción laboral da mocidade e das persoas con máis dificultades para atopar un emprego.

Deste xeito, a Xunta está a investir 22,3 millóns de euros no desenvolvemento de 77 obradoiros de empregos nos que están a participar máis de 1400 persoas sen emprego. Dos 77 programas un total de 57 son obradoiros duais que a Administración autonómica financia con preto de 19 millóns de euros. Dentro destes, 11 están centrados no eido forestal, como é o caso do de Ordes, Mesía e Frades, e 3 no Camiño de Santiago.

Nos obradoiros duais a Xunta incentiva a contratación dos participantes nas empresas e teñen preferencia os desempregados con especiais dificultades para atopar un traballo como son os emigrantes retornados, as mulleres, os prados de longa duración, os maiores de 45 anos, persoas con discapacidade, as persoas que carecen de titulación universitaria ou de FP de grao superior ou os beneficiarios do tramo de inserción da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga).

Menores de 30 anos

Na visita, Casal, ademais, informou aos participantes da resolución do programa de emprego para persoas mozas na que participarán a partir deste mes 300 menores de 30 anos. A Xunta vén de seleccionar os 19 programas que se desenvolverán para o que se tiveron en conta criterios como que o municipio beneficiario fose resultado dunha agrupación, fusión ou se tratase dun Concello Emprendedor. Tamén se valorou que os proxectos estivesen relacionados coas TIC e coa economía dixital e que gardasen relación co tecido empresarial do territorio, así como as posibilidades de inserción laboral.

Una vez seleccionados os programas, levarase acabo agora unha selección dos 297 participantes a través das oficinas de emprego, na que se terá en conta, ademais da idade, a experiencia laboral previa, a permanencia no desemprego ou o nivel de cualificación. Darase prioridade a aquelas persoas mozas que non recibiran previamente atención por parte do Sistema nacional de garantía xuvenil.

O alumnado obterá formación e, ademais, disporá dun contrato de traballo. Así, percibirán un salario durante a súa participación na actividade ao longo de 12 meses.
 

Imaxes relacionadas