O padroado da Fundación Galicia Europa aborda o plan de recuperación para Europa que hoxe debaten os líderes europeos

O órgano de goberno da Fundación Galicia Europa reuniuse hoxe para aprobar a súa memoria de actividades de 2019 e explicar as iniciativas desenvolvidas como consecuencia da pandemia do COVID-19

A resposta europea á crise sanitaria e económica centrou a maior parte do debate
 

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2020

O plan de recuperación europeo, estimado en 750.000 millóns de euros, foi hoxe obxecto de debate do padroado da Fundación Galicia Europa, entidade do sector público autonómico que representa os intereses de Galicia nos asuntos europeos. O seu director e director de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, explicou como desde mediados de marzo esta fundación está a facer un estreito seguimento da resposta da UE á crise sanitaria, primeiro, e da resposta económica a curto e medio prazo, despois.

O plan que se debate hoxe no seo da UE, e que podería representar unhas transferencias a España de 66.000 M€ no próximos tres anos, pretende axudar aos Estados membros con menor capacidade para facer fronte á crise económica provocada pola pandemia. Os seus recursos darán apoio aos investimentos urxentes, en particular os destinadas ás transicións ecolóxica e dixital, que son a clave, segundo a UE, para a prosperidade e resiliencia das economías europeas.

Jesús Gamallo referiuse á necesidade de que o novo fondo respecte o principio de cohesión territorial, debido a que é a base xurídica para a súa creación. Ademais, congratulouse de que 50.000 M € do plan vaian ser canalizados a través dos programas actuais FEDER e FSE nos dous próximos anos, e de que 30.000 millóns nutran o futuro Fondo de Transición Xusta que sufragará os custos sociais e económicos da transición ecolóxica. “As Pontes ou San Cibrao poderían ser beneficiarios deste fondo no futuro”, afirmou.

Necesidade de previsión ante a saída de Reino Unido da UE

O director da FGE explicou o estado das negociacións do Brexit, que están a ser complicadas. Tras a saída política efectuada o 31 de xaneiro, o próximo 31 de decembro Reino Unido abandonará definitivamente a Unión Aduaneira e o Mercado Único europeo con ou sen acordo comercial coa UE. As repercusións en múltiples sectores serán considerables polo que é importante que as administracións, empresas e cidadáns estean preparados para estes cambios, tal e como explica a Comisión Europea nunha comunicación recente. “Tras catro anos desde o referendo, o Brexit non acaba senón de comezar”, sinalou Jesús Gamallo.

Visitas institucionais a Bruxelas e información sobre a UE en Galicia

O repaso das actividades da FGE durante o pasado ano inclúe 15 visitas institucionais á capital comunitaria, a intervención galega en 10 foros de debate a nivel europeo e máis de 500 participantes nas actividades de formación sobre asuntos europeos. Entre elas, as dúas últimas edicións do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa, que, en vista da actual pandemia, organizará unha edición virtual a finais de ano.

No que vai de ano, a FGE organizou a visita de dous conselleiros a Bruxelas antes da crise sanitaria pero tivo que cancelar outras dúas, previstas para marzo. Durante o confinamento, reforzou o seu labor de información sobre a actividade comunitaria coa elaboración de 45 boletíns diarios, sete semanais e dúas seccións fixas na súa web nas que se explica a resposta europea á crise. Tamén reforzou a súa presenza en redes sociais para divulgar estes contidos.

Por último, no marco da iniciativa # Euroxuventude, durante o mes de xuño, a FGE organizou tres seminarios web para abordar diferentes oportunidades de emprego e prácticas na UE nos que se inscribiron preto de 500 mozos.

 

Imaxes relacionadas