A Xunta realiza un novo envío de material de protección para os traballadores dos centros sociais e residencias da provincia de Lugo

O reparto, e xa van 16, realizouse entre 79 entidades e incluíu máis de 76.864 unidades de protección individual, así como 360 botes de xel hidroalcoólico e 136 garrafas de desinfectante

Desde que se decretou o estado de alarma, a Xunta leva distribuídas 16 partidas de material integradas por preto de 1,17 millóns de unidades de para loitar contra a covid-19 e evitar contaxios
 

Lugo, 17 de xullo de 2020

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza envía ao longo desta semana a décimo sexta partida de material para o seu uso polas persoas que forman parte do cadro de persoal das residencias e centros sociais da provincia de Lugo.

En concreto, esta nova achega inclúe máis de 76.864 unidades de protección individual que se distribúen entre 79 entidades. Así, repartíronse 38.700 luvas, 37.621 máscaras, 112 batas non reutilizables, 200 gorros, 200 calzas, 31 pantallas faciais, 32 trípticos informativos, 360 botes de xel hidroalcoólico, e 136 garrafas de desinfectante.

Con estas achegas o Goberno galego desde o inicio da declaración da pandemia e alerta sanitaria quere garantir a axeitada protección dos profesionais que traballan nestas entidades de atención e coidado de colectivos vulnerables ao coronavirus.

Así, desde que se decretou o estado de alarma, a Xunta de Galicia leva distribuídas 16 partidas de material integradas por preto de 1,17 millóns de unidades de material de protección individual na totalidade dos centros sociais da provincia para loitar contra a covid-19 e evitar contaxios.

As entidades que reciben estas achegas, públicas e privadas, son centros de maiores, menores, discapacitados, inclusión, igualdade e xuventude existentes na provincia de Lugo.