A Xunta apoia a través do programa Galicia Emprende nove iniciativas empresariais ourensás que mobilizan preto de 2,2 millóns de euros

A Consellería de Economía, Emprego e Industria concede axudas por máis de 476.000 de euros para apoiar proxectos de creación de novas empresas ou de consolidación de compañías nos primeiros 42 meses de funcionamento

Os proxectos aprobados contemplan o mantemento de 35 empregos e abranguen actividades tanto do sector industrial como dos servizos
 

Ourense, 15 de xullo de 2020

A Xunta concedeu ao abeiro da última edición do Galicia Emprende, axudas por máis de 476.000 euros para apoiar nove proxectos empresariais de emprendedores e autónomos que prevén desenvolver investimentos de preto de 2,2 millóns de euros na provincia de Ourense e que levan asociados a creación e mantemento de 35 empregos.

A nivel provincial, as iniciativas apoiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, abranguen actividades do sector servizos, como un fogar residencial, clínica dental, hotel ou consultoría sanitaria, asesoramento, formación e cesión de equipos tecnolóxicos, entre outras.

Destaca un proxecto empresarial de novos emprendedores que prevé un investimento de máis de 650.000 euros para a que se lle concedeu unha axuda de 108.000 euros e que posibilitará a creación de catro postos de traballo. Ademais, entre os proxectos beneficiados está a reforma e ampliación para a creación dun fogar residencial que, cun investimento superior aos 545.000 euros, garante o mantemento de 10 postos de traballo ao tempo que crea oito empregos; un hotel de dúas estrelas cun investimento de 235.431euros e un apoio de 23,344 euros que leva asociado a creación de 3 empregos e unha clínica dental na que se investirán 196.500 euros e contará cunha concesión de preto de 51.607 euros.