A Xunta adxudica as obras de mellora de pavimentación e sinalización no acceso ao recinto do antigo hospital do Rebullón, no concello de Mos

As actuacións, contratadas por un importe duns 47.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas e terán un prazo de execución de dous meses

Os traballos inclúen a renovación do firme, incluíndo a disposición dunha nova sinalización horizontal para reorganizar a circulación interior

Estas tarefas completaranse co pintado de novas marcas viarias, cunha nova configuración e delimitando prazas de aparcamento reservado

Esta intervención complementa á que está a piques de iniciarse nos accesos aos hospitais Meixoeiro e Nicolás Peña, en Vigo, adxudicada por preto de 566.000 euros

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de mellora de pavimentación e sinalización no acceso ao recinto do antigo hospital do Rebullón, no concello de Mos.

Estas actuacións, adxudicadas á empresa Narom S.L. por un importe duns 47.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas e terán un prazo de execución de dous meses.

As obras centraranse na renovación do firme no acceso ao antigo hospital da área sanitaria de Vigo, incluíndo a disposición dunha nova sinalización horizontal para reorganizar a circulación interior.

Os traballos inclúen a reparación do firme mediante a aplicación dunha nova capa de rodaxe de 5 centímetros de espesor de mestura bituminosa en quente. Tamén se corrixirá a rasante dun punto no que se cambia a pendente de forma brusca, para mellorar o paso dos vehículos.

As tarefas completaranse co pintado de novas marcas viarias, cunha nova configuración e delimitando prazas de aparcamento reservado.

Esta intervención na mellora do firme no acceso ao antigo centro hospitalario complementan ás que están a piques de iniciarse de mellora dos accesos aos hospitais Meixoeiro e Nicolás Peña, no concello de Vigo. Estes traballos foron adxudicados por preto de 566.000 euros.

Imaxes relacionadas