Arranca a xornada electoral co 100% das mesas electorais constituídas e sen incidencias salientables

Desde primeira hora, hai representantes da Administración para regular o acceso aos locais e vixiar cumprimento das medidas preventivas en materia de saúde pública

Os resultados provisionais poderán seguirse a través da web https://resultados2020.xunta.gal e na aplicación móbil

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2020

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, sinalou esta mañá que a xornada electoral comezou sen incidencias salientables e co 100% das mesas electorais xa constituídas: 3.952 distribuídas en 2.395 locais electorais.

Durante unha comparecencia no centro de prensa das eleccións á que tamén asistiu a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns, o director xeral precisou que só se rexistraron as incidencias habituais por algún atraso dos membros das titulares de mesas ou atraso na comunicación de que a mesa estaba constituída. Todos estes casos xa foron solucionados e nestes momentos os locais están funcionando con total normalidade.

Na súa intervención, o director xeral recordou que están implantadas medidas de prevención sanitarias en todos os colexios. Isto é, fundamentalmente, manter as distancias de seguridade e o uso obrigatorio de máscara e xel hidroalcohólico. A Xunta facilitou a todos os locais electorais o material de protección necesario.

Para asegurar que se van cumprir estas medidas, recordou que en todos os locais electorais hai desde primeira hora representantes da Administración que se encargarán de regular o acceso para evitar aglomeracións e dar prioridade a persoas maiores e colectivos vulnerables, así como tamén se ocuparán de vixiar que se cumpren todas as medidas preventivas en materia de saúde pública.

Está prevista unha nova comparecencia ás 12,30 horas para dar conta dos primeiros avances de participación.

Datos da xornada

En total, o censo electoral nestas eleccións ao Parlamento galego elévase a 2.697.315 persoas xa que, aos 2,23 millóns de electores censados en Galicia, hai que sumarlle os 463.163 inscritos no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA). O electorado conta con algo máis de 32 millóns de papeletas e 3,3 millóns e medio de sobres de votación.

En prevención da covid-19, a Xunta ten distribuído e dispoñibles para os locais electorais case 2,4 millóns de máscaras; máis de 43.000 botes de xel hidroalcohólico; e máis de 47.000 pantallas faciais.

Para a recollida da información habilitouse un dispositivo do que forman parte 2.667 representantes da administración, que contan con dispositivos electrónicos para a transmisión de datos da votación dende os colexios electorais ata o centro de procesamento da información.

Ademais, como novidade este ano, haberá tamén ao redor de 3.900 representantes da Administración con funcións de vixilancia e supervisión para asegurar o cumprimento das medidas en materia de saúde pública. Estes persoal está formado, por unha parte, por aqueles representantes da administración que recollen os datos e que, ademais, se presentaron para realizar esta función de prevención sanitaria; e por voluntarios de Protección Civil.

A cidadanía poderá ter acceso aos datos en tempo real nunha aplicación móbil e na páxina web https://resultados2020.xunta.gal, onde se ofrecerán datos do escrutinio provisional a nivel autonómico, provincial, comarcal e por concellos, así como datos de participación segundo se vaian recibindo. Esta web é accesible desde dispositivos móbiles como smartphones ou tabletas e permite seguir tamén as roldas de prensa, tanto en directo como en diferido.

Protocolo sanitario

Durante toda a xornada electoral, estase aplicando un Protocolo de medidas de prevención sanitaria que conta co visto bo das autoridades sanitarias.

Así, nos locais electorais é obrigatorio usar máscaras e hixienizar as mans antes de proceder ao voto.

Débense evitar aglomeracións e respectar as distancias de seguridade: de dous metros cando sexa posible e, cando non, deberase gardar en todo caso unha distancia dun metro, tendo en conta que todas as persoas estarán usando equipamentos de protección.

O acceso tamén está sendo regulado por representantes da Administración. Nesta mesma liña, tamén se organiza a entrada dos votantes, que deben acceder por norma xeral de forma individual. Priorízase a entrada dos maiores de 65 anos ou das persoas con algún tipo de discapacidade.

En todos os locais, está instalada cartelería para facilitar o seguimento das pautas sanitarias, así como para indicar os fluxos de circulación dentro dos locais. Tamén se están intensificando a ventilación e as actuacións de limpeza e desinfección, tanto antes como durante a xornada e facendo fincapé nas superficies máis expostas.

Todo o custo adicional que supón a implantación destas medidas (material de protección, limpeza, control dos accesos, instalación de cartelería...) corre a cargo da Xunta en tanto é a administración organizadora.

Imaxes relacionadas