A Cidade da Cultura pecha os concertos das 'Matinais clásicas' coa volta aos escenarios da Real Filharmonía de Galicia
Será a primeira actuación presencial da orquestra tralo parón da temporada obrigado pola covid-19, para a que xa están esgotadas as entradas-convite
O ciclo organizou tres concertos de música clásica para as mañás dos sábados, completando o programa M. Sancho Quartet e Nuria Lorenzo & Alejo Amoedo
As tres actuacións foron de balde, previa reserva de convite, cunha capacidade moi limitada en cumprimento das medidas de distancia social
A Real Filharmonía de Galicia regresa mañá aos escenarios no Museo Centro Gaiás, despois dun parón de catro meses debido á crise sanitaria. Esta actuación, para a que xa están esgotadas as entradas-convite, pechará o ciclo Matinais clásicas, que durante tres sábados consecutivos permitiu gozar da música na Cidade da Cultura, en concertos de balde e con prazas moi limitadas en cumprimento das medidas de distancia social.
Baixo a batuta do director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia, Paul Daniel, o programa comezará ás 12,00 horas coa abertura de As vodas de Fígaro de Mozart, considerada unha das mellores creacións do compositor austríaco e unhas das óperas máis importantes da historia da música. A continuación, as persoas asistentes terán a oportunidade de escoitar a Sinfonía nº 8 de Beethoven, para inmediatamente dar un salto á obra contemporánea Moinhada do compositor galego Joam Trillo, colaborador habitual da Real Filharmonía de Galicia. O concerto concluirá co Intermezzo de Goyescas de Enrique Granados, orquestrado por Ernest Martínez e considerado a obra mestra do compositor.
Concertos previos
Matinais Clásicas arrancou o seu programa o 27 de xuño cun recital de canción galega e española da viguesa Nuria Lorenzo, unha das principais mezzosopranos galegas, acompañada do recoñecido pianista Alejo Amoedo.
M. Sancho Quartet foi a formación elixida para o segundo concerto, celebrado o pasado sábado 4 de xullo. A formación, formada por Marta Sancho (clarinete), Anca Smeu (violín), Timur Sadykov (viola) e Alejandra Díaz (violonchelo) interpretou unha selección de música de cámara para clarinete e trío de cordas dos séculos XVIII e XIX.
Medidas de seguridade poscovid-19
O ciclo, que programou un total de tres concertos de balde cunha capacidade limitada a un máximo de 100 asistentes, rexeuse por un estrito protocolo que require de inscrición previa para acceder ao recinto e inclúe, entre outras medidas, un circuíto de entrada e saída, o mantemento da distancia social entre os asistentes non pertencentes á mesma unidade familiar, a obriga de asistir con máscara de protección mentres non se ocupe a cadeira asignada ou a substitución dos programas de impresos polo seu equivalente dixital.