A Xunta adxudica por preto de 960.000 euros as obras de conservación e humanización da contorna da Ponte Vella de Ourense

Os traballos, cun prazo de execución de 9 meses, prevese inicialos na primeira quincena de agosto

A nova actuación correspóndese coa 2ª fase da posta en valor desta zona da cidade, e abarca a conservación da ponte e a mellora da contorna da Capela dos Remedios

Fomentará as conexións peonís cara ao conxunto patrimonial desde os distintos puntos da cidade, cun mobiliario coidado e con espazos para o lecer

O proxecto inclúe a construción dun novo parque de skate no barrio do Couto

Ademais habilitarase un miradoiro como novo atractivo turístico da cidade, desde o que poder observar o río Miño, a Ponte Vella e a Capela dos Remedios

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar por preto de 960.000 euros as obras de conservación e humanización da contorna da Ponte Vella de Ourense.

Os traballos, que dispoñen dun prazo de execución de 9 meses, foron adxudicados á empresa Hordescon, S.L.. O comezo das obras prevese na primeira quincena de agosto.

Esta actuación correspóndense coa 2ª fase de posta en valor da Ponte Vella e abarcará a conservación da propia ponte e a mellora da contorna da Capela dos Remedios, acondicionando e ampliando o acceso á entrada lateral da ermida e substituíndo a varanda.

Os traballos recollidos no contrato destas obras potenciarán as conexións peonís desde os distintos puntos da cidade cara a este conxunto patrimonial, coidando o mobiliario e creando un espazo para o lecer.

A actuación do departamento que dirixe Ethel Vázquez inclúe a liberación da zona que hoxe ocupa o parque de skate, construíndo un novo no Barrio do Couto, que contará cun circuíto de bicicletas (pump track) executado en zahorra e capa de rodadura asfáltica.

Estas intervencións permitirán dotar a cidade de Ourense dunhas instalacións axeitadas para unha práctica máis cómoda e segura desta actividade deportiva. O traslado deste parque tamén posibilitará acadar unha contorna ampla e aberta que servirá de antesala á Capela dos Remedios e como conexión coa Ponte.

Ademais habilitarase un miradoiro como novo atractivo turístico da cidade, desde o que poder observar o río Miño, a Ponte Vella e a Capela dos Remedios.

Esta actuación na Ponte Vella vén sumarse a xa realizada nesta infraestrutura nunha 1ª fase. Esta segunda fase enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello.