A Xunta realizou esta semana os test de detección do coronavirus aos 134 alumnos da 12ª promoción de Policía Local

As probas enmárcanse no convenio entre o Goberno galego e a Fegamp para poñer en marcha o control da covid-19 entre os efectivos de policía local dos concellos

Desde mañá reincorporanse aos seus concellos de orixe para completar a súa formación práctica

O DOG publica mañá a convocatoria de oposicións de policía local para este ano con 91 prazas en 32 concellos e o proceso selectivo de auxiliares de policía local xa rematou coa designación de 144 axentes en 33 municipios
 

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2020

Os 134 alumnos da 12ª promoción de Policía Local que se está a formar na Academia de Seguridade Pública (AGASP) realizaron esta semana os test serolóxicos de dobre banda para a detección do coronavirus, no marco do convenio entre a Vicepresidencia, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Este acordo recolle a posta en marcha do programa do control da covid-19 para os efectivos da policía local dos concellos galegos. No caso de que nestes test se detecten casos positivos, procederase a facer unha proba PCR. Ademais, inclúe as accións previstas para o control de casos da covid-19 que puidesen afectar a calquera axente e auxiliar das policías locais e garantir o desempeño das súas funcións en condicións seguras.

Os 134 alumnos desta promoción, a máis numerosa da historia da Agasp, regresarán desde mañá aos seus 38 concellos de orixe para rematar a súa formación práctica. Debido ao estado de alarma decretado o pasado marzo pola crise sanitaria da covid-19, a Academia suspendera as clases e decidiu adiantar parte desta formación práctica, polo que estiveron colaborando neses meses cos axentes de Policía Local dos seus municipios na loita contra a pandemia.

O pasado 1 de xuño retomaron a formación teórica na Agasp con tódalas medidas de prevención e seguridade fronte ao coronavirus establecidas no seu protocolo. Ademais do uso obrigatorio de máscaras, a Academia adaptou as súas instalacións e reorganizou os horarios para evitar aglomeracións e para garantir a seguridade de todos os usuarios. Entre setembro e novembro rematarán o curso básico de selección de Policía Local na Academia.

Procesos selectivos

Por outra parte, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica mañá a nova convocatoria unificada de acceso á categoría de policía local con 91 prazas que oferta a Xunta en 32 concellos galegos: 73 pola quenda libre en 24 entidades locais e 18 pola quenda de concurso-mobilidade en 8 municipios.

Ademais, os aspirantes a cubrir 144 prazas de auxiliar de policía local en 33 municipios, en base aos criterios da convocatoria publicada no DOG o pasado 22 de maio polo trámite de urxencia, rematan mañá tamén o seu proceso selectivo. Unha vez realizadas todas as probas nun período de 20 días cumprindo con todas as medidas de prevención sanitarias fronte á covid-19 e de superar o curso de capacitación formación teórico-práctico na Agasp como requisito indispensable xa poden ser contratados como auxiliares de policía local.
 

Imaxes relacionadas