A Xunta pon en valor o papel das empresas do transporte no confinamento e convida a unir esforzos coa administración para fortalecer as capacidades loxísticas de Galicia

Vázquez Mourelle indica que a Administración debe potenciar a intermodalidade e as infraestruturas que faciliten o labor dos actores do transporte e a loxística

Pon en valor o novo Clúster da Loxística de Galicia, que facilitará que os produtos cheguen antes e mellor ao destino, xerando emprego e riqueza na comunidade

Sinala que o Goberno galego está a impulsar a creación de 4 centros estratéxicos de apoio ao transporte de mercadorías por estrada, con servizos as 24 horas

Concreta que a Xunta traballa para que a incorporación do Noroeste ao Corredor Atlántico de mercadorías acade a mellora da rede ferroviaria que preste servizo aos portos e plataformas loxísticas

 

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2020

A Xunta pon en valor o papel das empresas do transporte no confinamento e convida a unir esforzos coa Administración para fortalecer as capacidades loxísticas de Galicia.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, interveu hoxe na xornada ‘Excelencia en loxística e transporte’, organizada pola Organización empresarial de la Logística y el Transporte.

Vázquez Mourelle lembrou que a Xunta, no período de confinamento, achegou a súa colaboración ao sector do transporte, especialmente, en canto á adquisición de elementos de protección para evitar contaxios e garantir a seguridade na cadea de distribución.

Indicou que España está agora ante un escenario de crise, onde a modernización tecnolóxica e a dixitalización é un dos desafíos deste sector.

Engadiu que as administracións públicas deben actuar para proporcionar a intermodalidade e potenciar as infraestruturas e servizos que faciliten o labor dos actores do transporte e a loxística.

Na súa intervención, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade puxo en valor a recente constitución do Clúster da Loxística de Galicia, presentado hoxe no encontro. Unha iniciativa que, segundo indicou, pon ás empresas da distribución e transporte á mesma altura de grandes sectores como os da madeira, a lousa, o naval ou o turismo. Salientou que o novo clúster une o esforzo dun conxunto de marcas individuais que comparten a estratexia de que os seus produtos cheguen antes e mellor ao seu destino, contribuíndo ao mesmo tempo á xeración de emprego e riqueza na comunidade.

A este respecto lembrou que a Xunta xa está colaborando con este proxecto e está a traballar na creación de catro centros estratéxicos de apoio ao transporte de mercadorías por estrada, que prestará servizos auxiliares as 24 horas.

Ademais do apoio a esta nova iniciativa, a Xunta vén traballando intensamente no fortalecemento do sector. Así, a alianza de Galicia cos gobernos e actores empresariais de Castela e León e Asturias, logrou que o Noroeste da península se incorporara ao trazado do Corredor Atlántico europeo de mercadorías.

A conselleira fixo fincapé en que a Xunta está a loitar para que ese logro se traduza na mellora real da rede ferroviaria que debe prestar servizo aos portos e plataformas loxísticas do Noroeste.

Mediante os proxectos europeos que impulsa a Confederación de Empresarios de Pontevedra coa Xunta, avaliouse a implantación de aparcadoiros para mercadorías na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O Executivo autonómico tamén puxo en marcha recentemente o Observatorio do transporte de mercadorías en Galicia, unha ferramenta útil para o sector á hora de calcular os custos exactos da súa actividade.
 

Imaxes relacionadas