Xunta e Colexio Oficial de Arquitectos impulsarán a plataforma urbanística dixital de Galicia para axilizar a tramitación municipal

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sinala que se trata dunha segunda vertente do convenio asinado esta mañá, coa que axilizar e reducir os trámites, procedementos e recursos necesarios

O convenio asinado hoxe é unha mostra de por onde debe avanzar o futuro das xestións e trámites nas que están implicadas diferentes administracións

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2020

Os técnicos de Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, da e do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) asentarán de xeito conxunto as bases da que será a Plataforma Urbanística Dixital, co ánimo de impulsar esta ferramenta -que se recolle na Lei do Solo- para axilizar a tramitación urbanística de ámbito municipal.

Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que -xunto coa directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), Mar Pereira- asinou coa decana do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Elena Ampudia, un convenio de colaboración para impulsar a tramitación on line en materia urbanística.

Neste sentido, destacou que grazas á Plataforma permitirase a integración integral dos instrumentos de planeamento urbanístico, o que implicará a xestión de expedientes de planeamento integrando a tramitación urbanística conxuntamente cos concellos, ademais de favorecer a participación pública desde a propia plataforma. Deste xeito, cando un concello inicie a tramitación poderá facelo directamente desde a plataforma e de xeito dixital, o que permitirá iniciar a información pública ou o seguimento da tramitación.

O desenvolvemento desta plataforma é unha segunda vertente do convenio asinado esta mañá co COAG, unha entidade coa que a Xunta colabora con frecuencia para aproveitar as sinerxías e coñecemento técnico no beneficio da ordenación sostible e responsable do territorio.

A conselleira sinalou que a nova colaboración que ratificaron esta mañá permitirá, ademais do impulso á Plataforma Urbanística Dixital, priorizará a tramitación on line, co que se facilitará os trámites ao administrado e impulsará a coordinación entre COAG, concellos e Xunta en materia urbanística.

Esta iniciativa non só favorece a axilización de trámites urbanísticos nos que están implicadas varias administracións, senón que ao mesmo tempo promove a redución de trámites en papel; xa que non será necesario presentar a documentación en papel, o que supón en aforro e unha mediada a prol do coidado do medio ambiente.

A directora da Amtega destacou que a Administración autonómica avoga pola colaboración institucional e a compartición de recursos para impulsar a dixitalización, especialmente, nas entidades locais e incrementar os servizos dixitais dispoñibles para os cidadáns. Pereira apuntou que esta é a filosofía deste acordo que permitirá que os traballos visados polo Colexio de Arquitectos estean dispoñibles para os técnicos dos concellos e os solicitantes dunha licenza ou tramitación urbanística, en formato electrónico grazas a plataforma de interoperabilidade da Xunta, Pasaxe!. Esta plataforma, na que se poden consultar máis de 70 tipos de certificados, evitou só o ano pasado que os galegos tiveran que presentar case oito millóns de documentos que xa obran en poder das Administracións.

Imaxes relacionadas