A Xunta adxudica por 1,4 millóns de euros as obras de mellora da rúa Marcelo Macías, no Concello de Ourense

Esta actuación conta cun prazo de execución de 12 meses e o obxectivo é poder iniciala en agosto

Actuarase nun tramo de 1,3 quilómetros para acometer a renovación do firme e a mellora das beirarrúas

Realizaranse traballos de mantemento do viaduto no río Barbaña, dotándoo de iluminación singular e renovaranse as redes de abastecemento e saneamento

Reforzarase a seguridade viaria con pasos de peóns con iluminación específica

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar, por un importe duns 1,4 millóns de euros, as obras de acondicionamento da rúa Marcelo Macías.

Esta actuación, adxudicada á empresa Petrolam Infraestructuras S.L., conta cun prazo de execución de 12 meses e o obxectivo é poder iniciar as obras en agosto.

Os traballos na rúa Marcelo Macías consistirán na renovación do firme e dos servizos, así como na mellora das beirarrúas ao longo de 1,3 km.

A intervención aproveitarase para facer labores de mantemento no viaduto sobre o río Barbaña, que se dotará de iluminación singular e traballarase na accesibilidade peonil. Tamén, no referente aos servizos, renovaranse as redes de abastecemento, saneamento e alumeado.

A actuación tamén inclúe o reforzo da seguridade viaria con pasos de peóns con iluminación específica.

Todas estas renovacións de servizos supoñen un incremento do custo de proxecto inicial, polo que se fixo necesario un compromiso de cofinanciamento do 30% por parte do Concello de Ourense nesta actuación.