A Xunta e Farmamundi colaboran nunha iniciativa destinada á reducir a propagación da covid-19 en Uganda

A intervención permitirá chegar a máis de 2.000 persoas e levaranse a cabo medidas de prevención e control do virus no campo de refuxiados Kyaka II

O Goberno galego e a ONGD Farmamundi veñen colaborando en distintas actuacións para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2020

A Xunta de Galicia, en colaboración coa ONGD Farmamundi, vén de activar o convenio de colaboración entre ambas entidades para actuar ante emerxencias humanitarias, co obxectivo de levar a cabo unha intervención de prevención e resposta á pandemia do coronavirus en Uganda, en concreto, entre a poboación refuxiada do campo Kyaka II, no distrito de Kyegegwa.

A intervención enmárcase no convenio entre a Xunta e Farmamundi, dotado con 50.000 euros, e terá un custo de case 9.000 euros. Entre as actividades previstas, inclúese o reparto de equipos de protección individual ante a covid-19 a 40 promotores de saúde e persoal sanitario de Kyaka II, así como a organización de xornadas de sensibilización de educación en saúde e prevención nas que participarán unhas 2.000 persoas.

Deste xeito, a actuación chegará a un mínimo de 2.040 persoas, das que máis da metade son mulleres. Ademais, unhas 24.600 recibirían de forma indirecta as mensaxes de prevención difundidas a través de programas de radio e coa colocación de carteis informativos.

A iniciativa levarase a cabo por parte da ONGD Farmamundi xunto cos seus socios locais, Emesco Development Foundation e African Humaritarian Action, co obxectivo de preparar á poboación para dar resposta ao contaxio ante o coronavirus e ao risco de que se produzan posibles brotes de enfermidades a nivel local.

Nesta liña, tendo en conta que o distrito de Kyegegwa conta con escasos recursos para garantir a calidade de prestación dos servizos básicos, en especial en materia de acceso á saúde e aos medicamentos, é máis vulnerable aos brotes de enfermidades transmisibles debido aos movementos transfronteirizos. Trátase, por tanto, dun distrito que se converteu nun dos principais asentamentos de persoas refuxiadas.

Colaboración desde 2009

Esta actuación súmase a outras que Xunta e Farmamundi realizan conxuntamente dende o ano 2009 no marco dos convenios de colaboración para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano.

O obxecto destes convenios é o de realizar as actuacións que ambas partes acorden, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

O convenio de colaboración actívase cada vez que acontece unha emerxencia, previa negociación e solicitude por parte de Farmamundi. A activación destes convenios nos anos anteriores permitiu dar resposta inmediata e coordinada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e o sistema das Nacións Unidas, a diferentes emerxencias acaecidas, entre elas: os tifóns Ketsana e Haiyan en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e República Democrática do Congo, as emerxencias por causa da choivas no Salvador e Nicaragua, a crise alimentaria no Sahel ou o conflito en Siria e a situación en Palestina.