O presidente da Xunta visitou esta mañá as instalacións de ASPNAIS en Lugo
Feijóo enxalza o labor de Aspnais, “peza clave” da sociedade lucense tras máis de 50 anos de traxectoria
Resalta o compromiso desta asociación reflectido a través do seu optimismo e humildade, calidades que fixeron posible a súa instalación no vello hospital San José
No tocante ao centro, destaca a implicación neste proxecto de todas as administracións públicas: “o espírito colectivo fixo posible converter este centro nun edificio singular”
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o labor de Aspnais, “peza clave”, dixo, da sociedade lucense tras máis de 50 anos de traxectoria.
Durante unha visita ás instalacións desta entidade social en Lugo, Feijóo resaltou o compromiso desta entidade reflectido a través do seu optimismo e humildade, calidades que fixeron posible a súa instalación no vello hospital San José. Un edificio histórico que gaña unha nova vida para axudar a moitas persoas a mellorar a súa, converténdose nun dos mellores centros de atención a persoas con discapacidade de iniciativa social de toda a Comunidade.
Nesta liña, o responsable do Goberno galego destacou tamén a implicación neste proxecto de todas as administracións públicas: “estamos a falar da Deputación de Lugo, do Concello e da Xunta; o espírito colectivo fixo posible converter este centro nun edificio singular”, dixo, lembrando que Aspnais conta con 154 prazas públicas, o 60% da capacidade total dos seus centros, unha oferta que se incrementou este ano coas 15 prazas que se concertaron na residencia ocupacional e na residencia asistencial.
Logo de salientar que esta asociación leva sendo desde 1966 apoio e impulso para as persoas con discapacidade, axudándolles a atopar as oportunidades que merecen e a confianza en si mesmos que necesitan, o titular da Xunta concluíu facendo fincapé na importancia do traballo conxunto entre administracións e entidades sociais para dar resposta ás necesidades da discapacidade a través da calidade de vida e o benestar social.