A Xunta inicia as obras de mellora do sistema de depuración de augas residuais dos Praceres, en Pontevedra

Esta actuación foi adxudicada por un importe de preto de 13 millóns de euros e conta cun prazo de execución de 24 meses, 12 para a súa execución, ao que se engade un período de posta en marcha doutros 12 meses

As obras mellorarán substancialmente a curto prazo a depuración das augas residuais dos concellos de Pontevedra, Marín, Poio e Vilaboa co obxectivo de cumprir os límites de vertido marcados pola normativa europea

A intervención comprende a remodelación do tratamento secundario existente para garantir a axeitada depuración de ata 900 l/s de auga residual

Esta actuación completarase coa construción dun novo emisario submarino, adxudicado por máis de 10,1 millóns de euros, dando cumprimento aos compromisos adquiridos coa UE

A reforma da depuradora e a construción do novo emisario submarino forman parte do Plan de saneamento local elaborado tras un exhaustivo análise do actual sistema que foi dialogado cos concellos e os mariscadores da ría

O saneamento da ría de Pontevedra é imprescindible para garantir a recuperación ambiental das augas, a produtividade marisqueira e a actividade turística

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de iniciar as obras de mellora do proceso de depuración da estación depuradora de augas residuais dos Praceres, en Pontevedra.

Esta actuación foi adxudicada á unión temporal de empresas Acciona Construcción, SA & Acciona Agua, SA, por un importe de preto de 13 millóns de euros. A intervención conta cun prazo de 24 meses, 12 para a execución da obra, ademais doutros 12 para a posta en marcha dos novos tratamentos.

O saneamento da ría de Pontevedra é unha das grandes prioridades actuais do en materia hidráulica, onde resulta imprescindible actuar para garantir tanto a recuperación ambiental das augas, a produtividade marisqueira e a actividade turística.

Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Esta reforma tecnolóxica permitirá mellorar substancialmente a curto prazo a depuración das augas residuais dos concellos de Marín, Poio, Pontevedra e Vilaboa, co obxectivo de cumprir os límites de vertido marcados pola Directiva 91/271/CEE.

A intervención contempla a remodelación do tratamento secundario existente, co fin de garantir a correcta depuración de ata 900 l/s de auga residual. A solución proxectada consistirá na modificación do reactor biolóxico existente para dispoñer dun tratamento de leito móbil e unha posterior clarificación das augas mediante un proceso físico-químico con lastrado por microarea.

Adicionalmente, ampliarase a liña de fango para ter en conta as novas achegas e realizaranse unha serie de actuacións previas para manter o funcionamento da depuradora durante as obras.

Os traballos poden subdividirse en 5 categorías: as actuacións previas, a conversión dos reactores biolóxicos a leito móbil, a implantación dunha etapa de clarificación das augas depuradas, a reforma do edificio de control, e a da liña de tratamento de fangos secundarios.

Emisario submarino

Esta actuación completarase coa construción dun novo emisario submarino, que permitirá unha mellor devolución das augas limpas á ría, dando cumprimento aos compromisos adquiridos coa UE. Este contrato foi adxudicado a principios de xuño á empresa Copasa por un importe superior os 10,1 millóns de euros.

A reforma da depuradora e a construción do novo emisario submarino forman parte do Plan de saneamento local elaborado tras un exhaustivo análise do actual sistema que foi dialogado cos concellos e os mariscadores da ría.

Ese plan inclúe a necesidade de acometer outras actuacións, entre elas a mellora das redes de saneamento municipais polas que se producen infiltracións indebidas.

Imaxes relacionadas