A Consellería de Educación abre o prazo para anotarse nas listaxes de docentes interinos e substitutos
O obxectivo é ter cubertas as necesidades que poidan xurdir no sistema educativo público o próximo curso en 49 especialidades
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, acaba de abrir o prazo para anotarse nas listaxes para prestar servizos como docentes interinos e substitutos, nun total de 49 especialidades. Logo de esgotadas ou a piques de esgotarse as listaxes correspondentes a estes corpos docentes, iníciase o procedemento para a incorporación de novas persoas candidatas, co fin de ter cubertas as necesidades que poidan xurdir no sistema educativo público nos vindeiros meses. O prazo para formular solicitudes é de dez días hábiles contados a partir de mañá xoves, é dicir, ata o 15 de xullo.
Para seren admitidas, as persoas aspirantes deberán posuír, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes os requisitos da convocatoria, isto é, a titulación requirida para cada especialidade, posuír a formación pedagóxica e didáctica axeitada (con carácter xeral o título oficial de máster universitario que habilite para o exercicio das profesións de profesor de ensinanza secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional ou escolas oficiais de idiomas), agás nos corpos de mestres, profesores de música e artes escénicas e artes plásticas e deseño, nos que non se esixe a formación pedagóxica. Así mesmo será necesario acreditar o coñecemento da lingua galega mediante os certificados habituais (Celga 4 ou a súa validación, curso de perfeccionamento en lingua galega ou a súa validación, título de licenciatura en filoloxía galego-portuguesa, certificado do nivel avanzado da escola oficial de idiomas ou certificado de ter superado o curso de especialización en lingua galega).
As persoas interesadas deberán formular unha solicitude e un aboamento de taxas por cada unha das especialidades nas que desexe inscribirse. Con elas deberán achegar cuberto o modelo de alegación de méritos, e unha copia da documentación xustificativa dos requisitos mínimos e da documentación acreditativa daqueles méritos que aleguen susceptibles de valoración segundo a convocatoria.
As especialidades nas que se abren as listaxes son as seguintes:
Corpo | Especialidades |
Corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas | Chinés Inglés Italiano Xaponés |
Corpo de profesores de música e artes escénicas | Acordeón Arpa Fagot Frauta travesa Fundamentos de composición Guitarra Piano Violín Linguaxe musical |
| Educación Física Música Pedagoxía Terapéutica Audición e Linguaxe Educación Primaria |
Corpo de profesores de ensino secundario | Filosofía Grego Latín Matemáticas Francés Orientación Lingua galega e literatura Administración de empresas Asesoría e procesos de imaxe persoal Informática Organización e xestión comercial Organización e procesos de mantemento de vehículos Organización e proxectos de fabricación mecánica Procesos de produción agraria Procesos diagnóstico clínico e produtos ortoprotésicos Procesos sanitarios Procesos e produtos en madeira e moble |
Corpo de profesores técnicos de formación profesional | Cociña e pastelaría Estética Laboratorio Mantemento de vehículos Patronaxe e confección Peiteado Procedementos de diagnóstico clínico e ortoprotésico Procedementos sanitarios e asistenciais Procesos comerciais Servizos de restauración Sistemas e aplicacións informáticas Soldadura Técnicas e procedementos de imaxe e son |
Volume |