A Xunta subministrou case 1 millón de unidades de protección contra o coronavirus aos centros asistenciais de Lugo dende o inicio da crise sanitaria

O Goberno galego mantén a colaboración coas entidades prestadoras de servizos sociais, públicas e privadas, e realizou nos últimos días outro envío de 68.300 unidades

Lugo, 26 de xuño de 2020

A Xunta de Galicia subministrou dende o inicio da crise sanitaria preto de 1 millón de unidades de protección contra o coronavirus (957.100 en concreto) entre todas as residencias da provincia que constan no rexistro autonómico, tanto de persoas maiores como en situación de dependencia, vivendas tuteladas e institucións similares, sexan de xestión pública ou privada.

Nos últimos días vén de completar outro envío de material, distribuíndo nesta ocasión 68.300 unidades en 62 centros xestionados por máis dunha trintena de entidades públicas e privadas. En concreto, achegou 35.600 máscaras, 32.400 guantes, 293 botes de hidroxel e 65 garrafas de desinfectante. Entre os destinatarios figuran a minirresidencia da Deputación Provincial na Fonsagrada, a de Suplusa en Trabada -dependente tamén da citada Administración-, e as dos concellos de Ribadeo, Paradela, Cervo e Foz.

Deste xeito, dende o comezo da pandemia o Goberno galego leva entregados 425.500 guantes, 467.000 máscaras e pantallas faciais, 15.300 batas e mandís, 43.300 gorros e calzas, así como garrafas e botes de xel hidroalcólico, entre outros elementos.

Estas entregas estanse a realizar a través da plataforma loxística que a Xunta puxo en marcha para centralizar a adquisición e a distribución de material de protección durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria por mor do coronavirus.

Con esta medida, a Administración galega pretende garantir a axeitada protección dos profesionais que traballan nestes centros coidando aos colectivos máis vulnerables ao contaxio por coronavirus.