Galicia contará cun Plan de saúde mental poscovid-19 que, dotado con 83 M€ e 241 novas prazas, mellorará a asistencia sociosanitaria e impulsará a prevención e a investigación nestas patoloxías

Feijóo salienta a creación de 54 prazas para psiquiatras, 45 para psicólogos clínicos, 66 para enfermeiros especialistas en saúde mental, 5 para terapeutas ocupacionais, 42 para auxiliares de enfermería e 29 para traballadores sociais

Revísanse as medidas de prevención para facer fronte á pandemia, con novidades como o reforzo da obrigatoriedade do uso de mascarilla

Autorízase a adquisición de 239 camas de hospitalización, das que 120 son para o Hospital Universitario da Coruña e 119 para o Hospital Universitario de Ourense
 

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe a aprobación, no Consello da Xunta, do Plan de Saúde Mental de Galicia Poscovid-19 que, cun orzamento de 83 millóns de euros e 241 novas prazas sanitarias, estará orientado a incrementar o número de profesionais e dispositivos asistenciais, desenvolver programas para a recuperación das persoas con trastorno mental severo e fomentar a investigación nestas patoloxías, concretados en 98 proxectos.

“É o maior plan de saúde mental que se fixo desde a transferencia do Servizo Galego de Saúde, cun potente impacto no que se refire a recursos humanos”, salientou.

Con este obxectivo, Feijóo avanzou que se traballará na atención ao trauma, ao dó e á depresión; na atención aos maiores e persoas ingresadas en centros sociosanitarios; en impulsar a teleasistencia como ferramenta de apoio ás consultas presenciais; en favorecer o apoio aos profesionais sanitarios en primeira liña fronte á covid-19; e en promover o fortalecemento dos programas de prevención do suicidio.

Nesta liña, o presidente da Xunta confirmou que o plan recolle a creación de 241 novas prazas en catro anos, das que 54 son para psiquiatras; 45 para psicólogos clínicos e 66 para enfermeiros especialistas en saúde mental. Tamén haberá 5 novas prazas para terapeutas ocupacionais, 42 para auxiliares de enfermería e 29 para traballadores sociais.

Así mesmo, crearanse novos dispositivos asistenciais localizados en centros de especialidades, centros hospitalarios e centros de atención primaria. Trátase de cinco novas unidades de saúde mental de adultos (dúas en Santiago, dúas en Vigo e unha na Coruña) e dúas unidades de psicoxeriatría (na Coruña e en Ourense). Unha unidade de hospitalización para nenos e adolescentes, no Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo, que será de referencia para a zona sur de Galicia. Dúas unidades ambulatorias de saúde mental infanto-xuvenil en Vigo e A Coruña, ademais de reforzarse a de Santiago. Dotarase a todas as áreas sanitarias de hospitais de día infanto-xuvenís, para a atención ás patoloxías de maior gravidade.

Do mesmo xeito, engadiu, incrementaranse as prazas de hospitalización de agudos e prazas hospitalarias destinadas á rehabilitación das persoas con trastorno mental grave: 22 novas prazas de hospitalización de pacientes agudos (15 na Coruña e 7 en Pontevedra) e 40 de rehabilitación psiquiátrica hospitalaria (20 en Vigo de referencia para Vigo-Pontevedra e 20 en Santiago de referencia para A Coruña-Santiago-Ferrol).

Reforzo da prevención
 

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo destacou tamén a decisión de reforzar o acordo de medidas de prevención para facer fronte á pandemia, aprobado o pasado 12 de xuño.

Se ben será publicado no DOG, o presidente da Xunta avanzou algunha das novidades. Así, refórzase a obrigatoriedade do uso de mascarilla; incídese na necesidade de que os sintomáticos comuniquen a súa situación e refórzanse os mecanismos de control e seguimento ante posibles casos positivos; permítese a progresiva apertura dos locais de ocio nocturno a partir do 1 de xullo, con dous terzos do aforo máximo en discotecas, uso obrigatorio de mascarilla e un sistema de rexistro no acceso para poder localizar aos asistentes en caso de producirse un brote. E, en xeral, en todos os ámbitos –como por exemplo nas praias, os parques infantís ou as verbenas-, auméntase o aforo máximo a unha persoa por cada 3 metros cadrados.

Compra de material e equipamento sanitario fronte á covid-19


Por último, Feijóo referiuse tamén á autorización da tramitación de emerxencia de tres novos expedientes de contratación –por valor de 1,13 millóns de euros– para subministrar material e equipamento aos hospitais do Sergas fronte á covid-19.

A primeira destas contratacións permitirá a adquisición de 239 camas de hospitalización, das que 120 son para o Hospital Universitario da Coruña e 119 para o Hospital Universitario de Ourense; 11 centrais de monitorización para varios hospitais; e un equipo portátil dixital de raios X para o Hospital Público de Monforte.

Os outros dous expedientes son relativos ao subministro de determinados materiais e produtos na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras para facer fronte á epidemia da covid-19.

Imaxes relacionadas