ADOS organiza unha xornada sobre intervención xudicial en doazón de órganos

O acto contou coa presenza do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, quen agradeceu o apoio do IMELGA e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

Nesta xornada, promovida pola Coordinación autonómica de transplantes, hai inscritos máis de 70 profesionais do colectivo xudicial, médicos forenses, coordinadores de transplantes, comités de ética, responsables de urxencias entre outros
 

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2020

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, inaugurou hoxe, no Edificio Administrativo do Sergas, unha Xornada sobre intervención xudicial en doazón de órganos controlada tipo III de Maastricht: Aspectos ético e legais, que está organizada pola Coordinación autonómica de transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), organismo dependente da Consellería de Sanidade.

O motivo desta xornada é ofrecer un marco de encontro aos integrantes do colectivo xudicial, médicos forenses, coordinadores de transplantes, comités de ética asistencial e responsables de unidades de críticos e urxencias, para conseguir unha mellor coordinación nas actuacións das que cada colectivo é responsable no ámbito da doazón en asistolia controlada. Nesta xornada hai inscritos máis de 70 profesionais procedentes dos colectivos anteriormente citados.

No acto, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, Jesús Vázquez Almuiña, destacou que España desenvolve unha actividade extraordinaria de doazón e transplante, sendo líder mundial durante case tres décadas. Tamén remarcou que Galicia superou o seu rexistro histórico en canto ao número de doadores, sendo a terceira comunidade que máis incrementou o número, cun aumento do 17,2% con respecto ao ano anterior, o que lle permitiu situarse nunha taxa de 50,6 doadores por millón de habitantes, co que supera a media nacional de 48,9.

O conselleiro remarcou que nos transplantes, ademais dos coordinadores hospitalarios e os profesionais da Organización Nacional de Transplantes, tamén hai moitos outros profesionais que poden participar en todo o proceso e cuxo labor é inestimable como son: a policía, os bombeiros, os pilotos e os controladores aéreos.

Tamén destacou Almuiña o traballo imprescindible dos comités de ética asistencial e a colaboración dos xuices e os médicos forenses, naqueles casos que se require por lei a intervención xudicial.

O máximo responsable da sanidade pública galega agradeceu á directora do IMELGA, Beatríz Otero Abadín, e ao presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, o seu apoio para a realización deste curso, así como o respaldo da Organización Nacional de Transplantes.

O acto contou coa presenza da directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, Marísa López García, e da coordinadora autonómica de transplantes, Encarnación Bouzas Caamaño, e coa intervención por videoconferencia do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, así como da directora do IMELGA.

Sinalar que o curso conta, entre os seus ponentes, co presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Cantabria, José Luis López del Moral Echevarría.
 

Imaxes relacionadas