A provincia de Lugo lucirá este verán 27 distintivos azuis en praias, portos deportivos, sendeiros e centros de visitantes
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, asistiu esta mañá ao izado da bandeira na praia de Xilloi, que xa recibira este distintivo o ano pasado e convértese nunha das 18 praias lucenses galardoadas na tempada actual
Galicia mantén o segundo posto na clasificación nacional en canto a areais recoñecidos pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) e é a comunidade distinguida cun maior número de sendeiros azuis (21)
A provincia de Lugo lucirá este verán un total de 27 distintivos azuis, unha marca de carácter internacional que outorga cada ano a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) en recoñecemento ao esforzo realizado para o desenvolvemento sostible das zonas litorais. Así o lembrou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen participou en O Vicedo no izado da bandeira concedida á praia de Xilloi, un dos 18 areais lucenses que contarán co distintivo este ano.
En total, Galicia terá este verán 156 galardóns, un dato que a sitúa nunha das primeiras posicións da clasificación nacional. Así, unicamente Valencia supera as 107 bandeiras azuis outorgadas ás praias galegas (as mesmas que en 2019) e en canto a sendeiros azuis, a comunidade afiánzase no primeiro posto, acaparando o 30% dos estandartes outorgados en todo o país a este tipo de itinerarios sostibles.
De todas estas enseñas, 18 ondearán noutras tantas praias de Lugo, mentres que cinco destes distintivos concedéronse a sendeiros que enlazan areais ou portos con bandeira azul e que contribúen a un uso sostible da costa lucense, e tres aos centros de visitantes dos Concellos de Burela e Cervo polo seu labor a prol da educación ambiental sobre os ecosistemas litorais e un ao Real Clube Deportivo de Ribadeo, o único porto deportivo desta provincia que accede a este recoñecemento nesta edición.
Neste sentido, a directora xeral aproveitou o acto para agradecer o traballo e a implicación dos alcaldes desta provincia para cumprir os estándares de calidade esixidos polo programa Bandeira Azul, que contribúe a poñer en valor os 2.091 quilómetros de perímetro costeiro insular e peninsular de Galicia, así como a conservación do seu patrimonio natural e as iniciativas de educación ambiental en marcha.
“As nosas praias, portos deportivos, sendeiros azuis e centros azuis lucirán este verán estas distincións, orgullosas de reunir unha excepcional calidade ambiental que é recoñecida en todo o mundo”, destacou a directora xeral, para quen a posición que ocupa Galicia neste ranking é o resultado da cooperación entre o sector turístico e o ambiental a todos os niveis.
A bandeira azul, de feito, tense convertido nunha etiqueta e nun galardón ambiental universalmente coñecido e valorado por turistas e tour operadores. Deste modo, como explicou Belén do Campo, os usuarios e turistas que visitan os areais nos que ondea este estandarte saben que están a gozar dunha praia cunha excelente calidade das augas para o baño, con seguridade e certos servizos, accesible para todos e que se rexen por unha atinada e sustentable xestión ambiental.
Este ano, a maiores, a seguridade sanitaria tamén vai ser esencial, polo que a responsable de Patrimonio Natural lembrou a importancia de que se respecten nos areais as distancias e medidas de hixiene establecidas polas autoridades, ao tempo que fixo un recoñecemento ao labor dos concellos á hora de xestionar estes espazos naturais. “As administracións temos máis que nunca a misión de promover un turismo en condicións de total seguridade, tanto para os que nos visitan como para todos os galegos e galegas”, subliñou.
A continuación detállanse por concellos os areais e tamén os centros azuis localizados na provincia de Lugo que obtiveron bandeira azul na actual edición. En amarelo indícanse as praias que non a recibiran o ano pasado e que, por tanto, estrean distintivo:
PROVINCIA DE LUGO
Concello | Praia |
Barreiros | Acantilado- Remior |
Coto | |
Fontela- Valea | |
Burela | A Marosa |
O Portelo | |
Ril | |
Cervo | O Torno |
Foz | A Rapadoira |
Areoura | |
As Polas | |
Llas | |
Peizás | |
O Vicedo | Abrela |
Xilloi | |
Ribadeo | As Catedrais |
Os Castros- Illas | |
Viveiro | Area |
Xove | Esteiro |
Total LU (concellos): 8 | 18 areais |
Centros Azuis 2020
Lugo | Burela | Centro de Educación Medioambiental Gaia |
Barco Museo Reina del Carmen | ||
Cervo | Carpintería de Ribeira Francisco Fra |
Sendeiros Azuis 2020
Concello | Nome do sendeiro |
Burela | Sendeiro Azul Ruta do litoral burelés |
Cervo | Sendeiro azul O Torno |
Foz | Paseo Ruta das praias de Foz (NOVO) |
O Vicedo | Sendeiro Praia da Abrela- Punta Socastro (Fuciño do Porco) |
Ribadeo | Ruta do Faro de Illa Pancha e As Aceas |