O Ministerio de Facenda avanza que Galicia pechou o primeiro cuadrimestre sendo a comunidade autónoma co tempo de pago a provedores máis baixo de España
O informe oficial publicado hoxe indica que o período medio de pago en Galicia é de 13,8 días, menos da metade que a media autonómica (34,2 días)
A débeda comercial de Galicia tamén é a menor de España, segundo o ministerio
O Ministerio de Facenda vén de indicar que Galicia pechou o primeiro cuadrimestre do ano sendo a comunidade autónoma co tempo medio de pago a provedores máis baixo de España, tal como mostran os datos do ‘Informe mensual sobre plazos de pago a proveedores y deuda comercial de las Comunidades Autónomas’ publicado hoxe.
O período medio de pago (PMP) de Galicia ao peche do mes de abril situouse en 13,8 días, o que supón o tempo máis baixo das 17 comunidades autónomas. Pola contra, este indicador ascendeu a 34,2 días na media autonómica, o que confirma que Galicia pagou de media as súas facturas en menos da metade de tempo que o conxunto das comunidades.
En canto á evolución da débeda comercial, os datos do informe elaborado polo Ministerio de Facenda tamén sitúan a Galicia como a comunidade autónoma con menor débeda comercial de España ao peche dos primeiros catro meses do ano.
Segundo o informe do ministerio, a ratio de débeda/PIB de Galicia situouse no mes de abril no 0,09%, a débeda comercial máis baixa de España e catro veces inferior á media autonómica, que foi do 0,37%. Ao peche do cuadrimestre, a débeda comercial do conxunto das comunidades autónomas era de 4.110,3 millóns de euros, dos que 51,7 millóns –o 1,2% do total- corresponden a Galicia.
PMP – Abril 2020 (*CCAA réxime foral) | ||||||
1 | Galicia | 13,8 | 10 | Aragón | 31,7 | |
2 | Canarias | 14,7 | 11 | Cantabria | 31,9 | |
3 | Andalucía | 16,2 | 12 | Madrid | 32,0 | |
4 | País Vasco* | 20,8 | Media CC.AA | 34,2 | ||
5 | Asturias | 21,7 | 13 | Valencia | 37,4 | |
6 | Castilla-La Mancha | 24,6 | 14 | Baleares | 40,4 | |
7 | Navarra* | 27,6 | 15 | La Rioja | 45,2 | |
8 | Castilla y León | 29,6 | 16 | Murcia | 46,1 | |
9 | Extremadura | 31,2 | 17 | Cataluña | 48,2 | |
Fonte: Ministerio de Facenda |