A Xunta inicia a renovación e instalación de nova iluminación led na glorieta elevada de Mollabao, no inicio da variante de Marín
A intervención, adxudicada por máis de 43.000 euros, conta cun prazo de execución duns dous meses
Mellorarase o sistema de iluminación do enlace de conexión coa estrada PO-11 para reforzar a seguridade viaria na contorna
Coa posta a punto das tres torres existentes e a renovación dos proxectores con tecnoloxías de menor consumo mellórase o rendemento enerxético e a visibilidade
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar hoxe as obras de renovación e instalación de nova iluminación led na glorieta elevada de Mollabao, no inicio da variante de Marín.
Esta actuación, adxudicada á empresa Aopil, S.L., por un importe de máis de 43.000 euros, conta cun prazo de execución estimado de dous meses.
Os traballos teñen como obxectivo a mellora do sistema de iluminación do enlace de conexión entre a variante de Marín e a estrada PO-11, no seu punto quilométrico 0, de cara a reforzar a seguridade viaria no contorno desta glorieta elevada.
Realizarase a rehabilitación e posta a punto das tres torres existentes, renovándose os proxectores con tecnoloxía led. Isto permitirá unha rebaixa moi significativa da potencia e do consumo, mellorando o rendemento enerxético e incrementándose a visibilidade grazas ás melloras tecnolóxicas en eficiencia enerxética aplicadas.
Nesta actuación tamén se adecuará o cadro eléctrico existente e reporase o cableado das torres de iluminación.