A Xunta contribúe con 60.000 euros á celebración da 36ª MIT de Ribadavia do 17 ao 27 de xullo

O director da Agadic e o alcalde da localidade ourensá asinan o convenio polo que a Consellería de Cultura e Turismo referenda o seu apoio económico ao evento, do que é unha das principais entidades colaboradoras

O día 25 anunciarase a programación completa desta edición, que mantén a súa celebración no contexto poscovid cunha serie de medidas especiais para garantir a seguridade e benestar do público e a recuperación cultural e turística da comarca
 

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2020

A Xunta de Galicia contribúe á celebración da XXXVI Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia cunha achega económica de 60.000 euros, a través da que recoñece o esforzo por manter e adaptar a súa organización ao contexto poscovid-19. O vindeiro día 25 desvelarase a programación completa, que se desenvolverá do 17 ao 27 de xullo en distintos espazos ao aire libre e cunha serie de medidas especiais para garantir a seguridade e o benestar do público, ademais de para contribuír á recuperación cultural e turística da comarca.

Así se reflicte no convenio asinado entre Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e César M. Fernández Gil, alcalde de Ribadavia, a través do que se materializa o apoio económico da Consellería de Cultura e Turismo como unha das principais entidades colaboradoras do evento.

O documento fai fincapé nos especiais desafíos que a crise da covid-19 lle presenta ao sector cultural e na necesidade de fomentar e protexer eventos de referencia, como é o caso da MIT. Segundo recolle o texto, a que é unha das citas escénicas que “maior interese vén concitando nos últimos anos”, dentro e fóra de Galicia, pode tamén converterse nun “exemplo da volta á normalidade no eido escénico”, tanto desde o punto de vista da recuperación da actividade das compañias como da confianza dos espectadores.

Esta 36ª edición acollerá estreas que tiveron que ser canceladas por mor do estado de alarma e volverá ser escaparate para destacadas propostas de teatro contemporáneo, desta volta cunha carteleira maioritariamente galega, na que a danza terá un especial protagonismo.

Como en anos anteriores, a MIT tamén despregará un amplo programa de actividades paralelas, entre as que se atopa a súa colaboración coa iniciativa Residencias Paraíso, desenvolvida polo colectivo RPM co apoio da Agadic, ou un obradoiro de creación escénica coa compañía Voadora a partir do Othello de Shakespeare. Así mesmo, a organización ten previsto reforzar a súa presenza online.