A Xunta vencella a reactivación económica e laboral da construción a un futuro baseado na formación
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo esta mañá unha reunión por videoconferencia con representantes do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Fundación Laboral da Construción
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo esta mañá unha reunión por videoconferencia con representantes do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Fundación Laboral da Construción.
O director salientou a importancia de acelerar a reactivación económica e laboral do sector da construción apostando por un modelo formativo que permita potenciar as competencias dos profesionais, mellorando a competitividade do tecido empresarial e respondendo de maneira efectiva ás demandas dos distintos mercados laborais. Deste modo, Casal sinalou aos programas formativos como dinamizadores da empregabilidade, e vencellou a recuperación do sector a un modelo educativo dirixido a facilitar a inserción laboral.
O responsable de Orientación e Promoción Laboral agradeceu, así mesmo, o esforzo programático realizado por docentes e alumnos durante o estado de alarma, adaptando o contido formativo a un formato virtual para evitar unha suspensión plena do mesmo. A este respecto, Casal asegurou que o obxectivo da Xunta é a reanudación presencial das clases atendendo ás medidas de seguridade marcadas polos protocolos sanitarios, unha reanudación que o director situou no vindeiro 1 de xullo para toda a Comunidade, aínda que xa se está a realizar gradualmente nalgúns centros. O novo calendario poscovid-19 prolongarase para recuperar o período lectivo adiado durante a pandemia.
A Fundación Laboral da Construción comezou a recuperar parcialmente a súa actividade presencial extremando as medidas de seguridade. O PIE da Fundación conta con 100 participantes, todos en situación de desemprego e procedentes de diversos colectivos sociais, e nel impártese formación en operacións auxiliares de albanalería, fontanería, montaxe de instalacións electrotécnicas ou traballos de carpintería. Ademais, contan con aprendizaxe transversal en novas tecnoloxías e idiomas, dispoñendo así mesmo de medidas de conciliación para facilitar a asistencia.