Sanidade presenta unha guía con recomendacións para a práctica do exercicio físico en pacientes cardiópatas en idade escolar

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, dixo que o obxectivo deste documento é establecer consellos para a práctica de actividade física con seguridade, no ámbito escolar, para os nenos de entre 6 e 16 anos, portadores da maioría das cardiopatías conxénitas

A guía está realizada coa colaboración de pediatras especialistas en cardioloxía infantil, fisioterapeutas, persoal de enfermería, médicos do deporte e profesores de educación física, así como representantes das Consellerías de Sanidade e Educación

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2020

O edificio administrativo do Sergas en San Lázaro, acolleu hoxe pola tarde, a presentación, nun acto telemático, da Guía do Servizo Galego de Saúde con recomendacións para a práctica do exercicio físico en pacientes cardiópatas en idade escolar.

Tal e como destacou no acto o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, “o obxectivo que temos coa elaboración deste documento é establecer diferentes recomendacións para a práctica de actividade física con seguridade, no ámbito escolar galego, para os nenos entre 6 e 16 anos, portadores da maioría das cardiopatías conxénitas, contribuíndo así a optimizar a súa calidade de vida”.

O máximo responsables da sanidade pública galega dixo que o seu departamento é sensible e consciente da importancia do exercicio físico, así como das dificultades na súa prescrición nos nenos diagnosticados dunha cardiopatía. Por este motivo, “hai uns meses que comezamos a traballar na súa protocolización, coa colaboración de pediatras especialistas en cardioloxía infantil, fisioterapeutas, persoal de enfermería, médicos do deporte e profesores de educación física, así como representantes da Consellería de Sanidade e de Educación, -destacou Almuiña-.

É frecuente, -dixo o conselleiro-, “que xurdan dúbidas entre os pacientes, familiares, profesionais sanitarios e educadores ante a práctica da actividade física nestes nenos, podendo mellorar esta realidade a existencia dunhas recomendacións específicas e a súa correcta transmisión sobre a práctica de exercicio físico adaptada á patoloxía concreta do paciente”.

Unidades de referencia

Para a abordaxe integral das cardiopatías na idade pediátrica, o Sergas conta, -dixo Almuiña, con unidades de referencia para o diagnóstico e tratamento das cardiopatías conxénitas e familiares, e con unidades de rehabilitación cardíaca. Ademais, participa en distintos proxectos de investigación e está en disposición de realizar a adecuada prescrición do exercicio físico de maneira protocolizada e en base á evidencia científica.

Tal e como incidiu o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, cando se fala das cardiopatías na idade pediátrica, “estamos a referirnos a cardiopatías conxénitas, adquiridas e familiares, que cada vez se diagnostican máis precozmente, grazas aos estudos xenéticos familiares. Afortunadamente, os avances da medicina nas dúas últimas décadas, entre elas o diagnóstico prenatal, supuxeron que, na actualidade, un 85% destes nenos acada a idade adulta, mentres que nos anos 80 a taxa de supervivencia era tan só dun 20%”.

O conselleiro de Sanidade agradeceu a todos os autores da guía o seu traballo, especialmente ao seu coordinador científico, Fernando Rueda, cardiólogo infantil do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Sinalar, ademais, que o acto contou coa participación da presidenta da Asociación Galega de Cardiopatías Conxénitas, Cristina Rivas.

Imaxes relacionadas