A Xunta reforza a coordinación policial para a vixilancia, disuasión e control da actividade incendiaria de cara á tempada de alto risco que comeza o 1 de xullo

A delegada territorial en funcións da Xunta en Lugo, Marta Barreiro, presidiu a reunión do Comité provincial de Coordinación Policial Antiicendios

Fixeron un recoñecemento expreso ao labor de voluntariado que fixo o persoal do servizo autonómico de incendios durante os meses pasados, con tarefas de limpeza e desinfección das contornas dos centros de saúde e residencias emprazadas en concellos do rural de menos de 5.000 habitantes
 

Lugo, 16 de xuño de 2020

A delegada territorial en funcións da Xunta en Lugo, Marta Barreiro, presidiu hoxe a reunión telemática do Comité provincial de Coordinación Policial Antiincendios para a campaña de alto risco de incendios forestais que comezará, un ano máis, o vindeiro 1 de xullo. Este órgano está formado por representantes das diferentes forzas e corpos de seguridade do Estado presentes en Galicia, ademais da propia Xunta.

O obxectivo da xuntanza, na que tamén participaron representantes da Subdelegación do Goberno e membros da Xefatura Territorial de Medio Rural, foi coordinar as actuacións que se levarán a cabo para previr os lumes e loitar contra a actividade incendiaria. A xuntanza de traballo serviu para ultimar os detalles da vixilancia, disuasión e control da actividade delituosa incendiaria con vistas ao inicio da tempada de risco alto de incendios. Así, consonte ao habitual nestas datas, estableceuse unha distribución dos diferentes efectivos sobre o territorio, prestando especial atención a aquelas áreas con maior incidencia deste tipo de actuacións.

A través deste comité faise un seguimento, planificación e reforzo da coordinación das diferentes accións promovidas pola Consellería do Medio Rural e os diversas forzas e corpos de seguridade do Estado (fundamentalmente Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil) para loitar contra a actividade delituosa incendiaria, especialmente nas zonas con lumes recorrentes.

Así, durante a reunión, analizouse un dato relevante como é que Lugo é a única provincia galega na que non existen Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) que son aquelas nas que se producen incendios forestais reiterados (en concreto, parroquias que rexistraron unha media anual de 7 incendios ou máis nos últimos 5 anos) ou por unha gran virulencia dos lumes declarados.

O encontro tamén serviu para facer un recoñecemento expreso ao traballo de voluntariado feito polos responsables do servizo de prevención de incendios da Xunta que, ao longo dos pasados meses e como medida preventiva contra a covid-19, encargáronse das limpezas e desinfeccións das contornas dos centros de saúde e residencias dos concellos rurais de menos de 5.000 habitantes da provincia de Lugo.

Pladiga 2020

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) mantén este ano as súas liñas básicas de actuación, pero incorpora algunhas novidades como a implementación dun completo e detallado plan de prevención aprobado pola Administración autonómica, que suporá actuar en 46.000 hectáreas e en case 5.800 quilómetros de pistas e estradas galegas.

No marco deste comité, Marta Barreiro apelou á responsabilidade dos cidadáns para que extremen as precaucións e fixo un novo chamamento á cidadanía para que denuncie calquera actividade delituosa que poida poñer en perigo a nosa riqueza forestal, xa que reiterou que 3 de cada 4 lumes son intencionados.

Neste sentido, lembrou que a Xunta ten a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, destacou que existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

 

Imaxes relacionadas