A Xunta acorda coa Delegación do Goberno reforzar o operativo para garantir a seguridade na xornada electoral do 12 de xullo

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada

Alfonso Rueda destacou a importancia da coordinación e a colaboración co Goberno central para que sexa “unha xornada segura e con tódalas garantías”

Os efectivos da Policía Nacional, Garda Civil e policías locais contribuirán a velar pola seguridade o día da votación xunto cos 133 coordinadores de prevención da Xunta e máis dun milleiro de voluntarios de Protección Civil
 

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2020

A Xunta acordou hoxe coa Delegación do Goberno en Galicia reforzar os efectivos de forzas e corpos de seguridade do Estado para garantir que a xornada electoral do 12 de xullo se celebre de forma segura. Así o explicou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, despois de manter unha reunión por videoconferencia co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada.

Deste xeito, Alfonso Rueda sinalou que os membros da Policía Nacional, Garda Civil e tamén as policías locais dos concellos que se integran no operativo que debe coordinar a delegación do Goberno en Galicia axudarán a comprobar que se están a cumprir o día da votación as medidas preventivas recollidas no protocolo de medidas de prevención sanitaria para a xornada electoral do 12 de xullo aprobado pola Xunta.

Tamén velarán por garantir a seguridade nesta xornada os 133 representantes da Administración autonómica para a coordinación e colaboración na adopción de medidas preventivas fronte á covid-19 e máis de 1.000 voluntarios das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC).

O vicepresidente da Xunta destacou a importancia da coordinación e colaboración da Administración autonómica e a delegación do Goberno en Galicia para garantir que o 12 de xullo sexa “unha xornada segura e con tódalas garantías”.

Explicou que durante a xornada electoral evitaranse as aglomeracións e vixiarase que se respecte a distancia de seguridade “sobre todo ao inicio e ao remate da votación e nos momentos de maior afluencia”. Así, organizarase a entrada dos votantes, dando prioridade aos maiores e ás persoas con algún tipo de discapacidade, tal e como recolle neste protocolo de que foi avaliado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e conta co visto bo do comité clínico.

Ademais, controlarase o cumprimento das pautas de protección individuais incluídas neste mesmo protocolo que, entre outras medidas, establece que será obrigatorio usar máscaras e hixienizar as mans antes de proceder ao voto. A Xunta porá a disposición dos locais electorais o material de protección necesario para poder cumprir estas pautas.

Por outra parte, en todos os locais, colocarase cartelería para facilitar o seguimento das pautas sanitarias, así como para indicar os fluxos de circulación dentro dos locais. Ademais, intensificarase a ventilación e as actuacións de limpeza e desinfección, tanto antes como durante a xornada e facendo fincapé nas superficies máis expostas.
 

Imaxes relacionadas