O titular do Goberno galego mantivo hoxe a 14ª videoconferencia co Executivo central e os outros presidentes autonómicos

Feijóo reitera a necesidade de contar cun plan de rebrote nacional e avoga por axustar a lexislación sanitaria para regular a mobilidade

Reitera a petición de que se elimine a taxa de reposición en Sanidade e Servizos Sociais, ademais da redución do IVE para o turismo ao 4%, ou a redución do IVE para as mascarillas

Solicita que os autónomos dispoñan das mesmas certezas e seguridade que os traballadores por conta allea

Agradece o exemplar comportamento dos cidadáns, aos que volveu pedir responsabilidade e prudencia nesta nova etapa
 

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou hoxe a preocupación polo que poida pasar a partir do 21 de xuño, cando se abran fronteiras exteriores e interiores, e avogou por axustar a lexislación sanitaria para regular a mobilidade e controlar posibles rebrotes.

Durante a décimo cuarta e última videoconferencia co Executivo central e os outros presidentes autonómicos, Feijóo pediu de novo consensuar criterios para falar de rebrote e a resposta a dar en cada caso. “Hoxe, volvín formular a necesidade de ter un plan de rebrote nacional, con características homoxéneas”, dixo, insistindo en que ten que haber unha folla de ruta que permita saber cal é o criterio para falar de rebrote e cal será a reacción a nivel nacional se se produce.

“A Xunta de Galicia quere seguir cara adiante, porque recuperar a mobilidade completa significará que persoas doutras comunidades e doutros países poidan vir a Galicia, e as necesitamos para revitalizar o sector da hostalería e do turismo; e porque ademais somos unha terra aberta e hospitalaria. E o que queremos é garantía para os que nos visitan e garantía para os cidadáns da comunidade”, explicou.

Ao longo da reunión, o titular da Xunta pediu tamén avanzar conxuntamente noutras áreas comúns, como a educación, baixo dúas cuestións: a equidade e a normalidade. Sobre este punto, apelou ás recomendacións da Organización Mundial da Saúde para evitar romper os grupos que xa había nas aulas, evitándolles así aos rapaces máis cambios; e insistiu na importancia de extremar as precaucións nos recreos e nas zonas comúns, onde os expertos sinalan o maior risco.

Reactivación da economía

Así mesmo, entre outras cuestións, reiterou a petición de que se elimine a taxa de reposición en Sanidade e Servizos Sociais, ademais de recordar outras propostas fiscais como a redución do IVE para o turismo ao 4%, ou a redución do IVE para as mascarillas. “Fixen fincapé en que non podemos permitirnos o peche de industrias como Alcoa e lembrei que dos 90 millóns á disposición para incentivar o sector do viño, a Galicia corresponderanlle 300.000 euros, polo que esperamos que se rectifique esa forma de reparto”, engadiu.

Tamén no eido económico, Feijóo insistiu na necesidade de que as administracións acompañen aos emprendedores na reactivación. Ao respecto incidiu na importancia de acadar un acordo, “á maior brevidade posible”, sobre a situación dos ERTE de forza maior, a partir do 30 de xuño; “e pensamos tamén que os autónomos deben poder dispoñer das mesmas certezas e seguridade que os traballadores por conta allea”, expuxo.

En relación á automoción, trasladou a necesidade de que o plan de reactivación do sector se faga con neutralidade tecnolóxica, é dicir, “non só se debe apoiar a compra de coches eléctricos, senón tamén a compra de coches con emisións reducidas porque, do contrario, estaremos prexudicando á industria automobilística nacional e estaremos favorecendo exclusivamente que poidan cambiar de coche as rendas máis altas”, precisou.

Por último, o responsable do Goberno galego concluíu agradecendo o exemplar comportamento dos cidadáns, aos que volveu pedir responsabilidade e prudencia nesta nova etapa. E quixo tamén agradecer ao Goberno de España “a colaboración e o diálogo que houbo na maioría dos momentos e, sobre todo, recoñecer o esforzo, porque con acertos e con erros, con acordos e tamén con diferencias, non me cabe dúbida de que o Goberno intentou acertar nas súas decisións”, aseverou.
 

Imaxes relacionadas