A Xunta aproba as axudas para 26 proxectos de cooperación para o desenvolvemento

A resolución pode consultarse na web cooperacion.xunta.gal

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2020

A Xunta vén de facer pública a resolución da convocatoria de subvencións destinada a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento. En total, serán 26 os proxectos financiados: 24 de ONGD e 2 doutros axentes.

A resolución pode consultarse na web da Cooperación Galega. A través desta convocatoria de axudas, financiaranse programas de actuación en distintos puntos de Guatemala, Perú, Nicaragua, Bolivia, O Salvador, República Dominicana, Honduras, Ecuador, Mozambique, Guinea Bissau, India ou Palestina. Os proxectos abordarán iniciativas en materia de mellora da saúde, da educación, do empoderamento feminino ou da xestión de recursos hídricos, entre outros.

Así, todas as actuacións estarán destinadas a favorecer o desenvolvemento integral dos países de intervención e mellorar as condicións de vida dos seus habitantes corrixindo as situacións de pobreza e creando redes de solidariedade.

A convocatoria ten un carácter plurianual, polo que as accións desenvolveranse entre este ano e o 2021. O financiamento total das axudas ascende a 4,7 millóns de euros, distribuído nestas dúas anualidades.

Imaxes relacionadas