Román Rodríguez asiste á rodaxe de '3 Caminos', un dos primeiros proxectos que retomou a súa gravación tras o coronavirus

Saudou en Triacastela o equipo técnico e reparto, entre eles os actores Álex González, Verónica Echegui, Anna Schimrigk, Andrea Bosca e Alberto Joo Lee

A principal aposta audiovisual da Xunta para o Xacobeo 2021 trasladarase nas vindeiras datas ata Santiago ou Fisterra tras pasar polo Cebreiro e Samos

O proxecto está encabezado pola empresa galega Ficción Producciones, coa implicación de compañías referentes como Amazon Prime Video ou Beta Films

Triacastela (Lugo), 11 de xuño de 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, visitou hoxe en Triacastela o equipo de traballo da serie 3 Caminos, a principal aposta audiovisual da Xunta para o Xacobeo 2021, que retoma a súa gravación en diferentes localidades de Galicia tras o parón derivado da crise sanitaria do coronavirus. Esta produción, a primeira serie internacional e transmedia sobre o Camiño de Santiago, foi un dos primeiros proxectos audiovisuais en reiniciar a súa actividade en España

Neste marco, Román Rodríguez, acompañado polo director da Agadic, Jacobo Sutil, saudou hoxe no albergue Atrio de Triacastela ao equipo que traballa nesta produción, que ten no seu elenco aos actores Álex González, Verónica Echegui, Anna Schimrigk, Andrea Bosca e Alberto Joo Lee, protagonistas da historia. Así, o titular de Cultura e Turismo da Xunta comprobou os novos protocolos e as medidas de seguridade sanitaria para o sector audiovisual que están a marcar a volta ao traballo de 3 Caminos. Como salientou, neste novo contexto é máis importante que nunca que o Camiño de Santiago “continúe a ser un fenómeno único que nos permita abrir unha xanela para recuperarnos económica e emocionalmente”, ao que contribuirá esta serie, que difundirá os valores xacobeos e a imaxe de Galicia.

3 Caminos é froito da convocatoria pública impulsada pola Xunta en 2019, da que resultou adxudicataria a empresa compostelá Ficción Producciones cunha achega de 1,5 millóns de euros. Conta coa implicación de compañías internacionais referentes no sector como Amazon Prime Video e o grupo alemán Beta Films, ademais de coprodutores doutros catro países: Italia, Corea do Sur, México e Portugal, coa Radio Televisión de Portugal (RTP) e a produtora Cinemate. Tras a súa volta a Galicia, o equipo de traballo ten previsto trasladarse nas vindeiras datas a diferentes localizacións como Santiago ou Fisterra, entre outras, tras pasar xa polo Cebreiro e Samos.

Cinco amigos, tres momentos, un Camiño

A produción –que se estreará a finais de 2020– incorpora nesta nova etapa á actriz mexicana Cecilia Suárez, moi coñecida polo seu papel de Paulina en La Casa de las Flores. Suárez únese así a un reparto de primeiro nivel que dará vida a cinco amigos: Jana, Luca, Roberto, Yoon Soo e Raquel, de diferentes nacionalidades unidos polo Camiño de Santiago.

O espectador asistirá á transformación e o crecemento persoal de cada un deles e contemplará como o paso do tempo vai modificando os soños, tecendo e destecendo parellas e amizades, e transformando as personalidades dos cinco en tres momentos concretos, 2000, 2006 e 2021, nos que compartiron peregrinación.

Mediante estes personaxes, a serie farase eco das miles de vivencias que se suceden cada ano ao longo do Camiño de Santiago, que dalgún xeito se converte nun protagonista máis desta ficción. Trátase dunha serie feel good que busca resaltar os valores e as bondades dunha ruta de peregrinación que une as culturas e as realidades máis diversas nun espazo con infindas oportunidades de intercambio.

Imaxes relacionadas