O Sergas convoca o primeiro concurso específico na especialidade de enfermaría pediátrica

A convocatoria supón un novo avance na progresiva ampliación de especialidades de enfermaría no Servizo Galego de Saúde

As novas 148 prazas de especialización en enfermaría pediátrica engádense ás 94 prazas convocadas no 2019 para as especialidades de enfermaría do traballo e de saúde mental.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2020

A Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde vén publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria do primeiro concurso específico para o ámbito da enfermaría pediátrica, na que se inclúen 148 prazas para a especialidade.

O concurso anunciado hoxe polo Sergas será o primeiro con carácter específico para o ingreso na categoría estatutaria de persoal de enfermaría na especialidade de enfermería pediátrica.

Deste xeito, e dándolle continuidade á planificación levada a cabo pola Administración sanitaria galega durante os últimos anos, o Sergas continúa a traballar na implantación progresiva das distintas especialidades de enfermería dentro do Servizo Galego de Saúde. Así, as novas prazas convocadas veñen a engadirse ás 94 prazas que se incorporaron no exercicio 2019, nas especialidades da enfermaría do traballo e da saúde mental.
A convocatoria está aberta ao persoal diplomado ou graduado universitario de enfermaría fixo, que desempeñase no Servizo Galego de Saúde, as funcións propias da especialidade de enfermaría pediátrica e acredite o título na devandita especialidade.

Así, o prazo para a presentación das solicitudes de participación será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Neste senso, as solicitudes de participación no proceso, deberán formalizarse a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e/Sección de Procesos), e seren presentadas por rexistro electrónico no prazo indicado.

Imaxes relacionadas