A Xunta anima ao sector da distribución a facer achegas á Lei de residuos estatal polo seu papel clave na loita contra o plástico

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recorda que o anteproxecto da Lei galega de residuos e solos contaminados quedou pendente de aprobación, debido á convocatoria de eleccións ao Parlamento de Galicia

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, animou esta mañá ao conxunto da sociedade a presentar alegacións ao Anteproxecto de Lei de residuos e solos contaminados estatal, que vén de iniciar o seu período de exposición pública e cuxo prazo remata o vindeiro 3 de xullo.

Así llelo trasladou esta mañá aos representantes dos grandes distribuidores de alimentos, cos que mantivo unha reunión por videoconferencia para abordar a futura lexislación en materia de envases de plásticos dun só uso.

A conselleira recordou que en Galicia quedou pendente a aprobación da Lei de residuos e solos contaminados, debido á convocatoria de eleccións ao Parlamento; polo que o texto galego será revisado no caso de que se aprobe o estatal e por ser esta a última lexislación básica.

Nese sentido, apostou porque ambos textos camiñen da man e avancen no obxectivo prioritario e primordial marcado polo Goberno galego coa nova Lei de residuos de Galicia, como é a loita contra o plástico e o desperdicio alimentario, dúas cuestións nas que as condutas responsables dos grandes distribuidores de alimentos poden achegar moito.

A conselleira explicou que un dos artigos da Lei estatal que afectará ás empresas deste sector é o 41, relativo á prohibición dos produtos de plástico; polo que a partir do 3 de xullo de 2021 quedará prohibida a introdución no mercado de recipientes para alimentos feitos de poliestireno expandido, tales como caixas -con ou sen tapa- utilizados co fin de conter alimentos destinados ao consumo inmediato, in situ ou para levar, que normalmente se consomen no propio recipiente, e están listos para o consumo sen ningunha outra preparación posterior, como cociñar, ferver ou quentar; así como os recipientes para bebidas feitos de poliestireno expandido, incluídos as súas tapas e tapóns.

Asemade, outro dos artigos de Lei que terá incidencia na actividade da distribución da alimentación é o 40, que establece que en 2020 debe reducirse o consumo de plásticos dun só uso nun 50%, chegando ao 70 nos seguintes cinco anos, no 2030.

A conselleira sinalou que a futura Lei estatal avanza na senda fixada na Lei de residuos de Galicia, que considera que os recipientes elaborados en plástico deben reciclarse e reutilizarse, polo que as botellas PET conterán polo menos un 25% de plástico reciclado en 2025 e a partir de 2030 polo menos un 30% de plástico reciclado.

Outro dos aspectos que tamén deberán ter en conta é que en menos de cinco anos só se poderán comercializar recipientes de plástico dun só uso para bebidas de ata tres litros de capacidade e envases compostos para bebidas que teñan tapas e tapóns de plástico, é dicir, que permanecerán unidos ao recipiente.

Imposto verde

A conselleira de Medio Ambiente sinalou que unha das novidades que recolle o texto normativo do Goberno de España é a creación dun imposto que pretende gravar a fabricación, importación ou adquisición intracomunitaria dos envases de plástico non reutilizables, así como outros produtos plásticos que conteñan líquidos ou sólidos ou para envolver produtos (film). Establécese un custo de 0,45 €/kg, que acabarían asumindo os consumidores, pois o fabricante e o importador acabaríao aplicando sobre o custo do produto.

Este imposto verde é, precisamente, un dos aspectos do futuro marco normativo estatal que máis críticas e inquedanza está a xerar entre as empresas distribuidoras de alimentos. Así llo trasladaron esta mañá os representantes do sector en Galicia a Ángeles Vázquez, quen lembrou que en materia de residuos a Xunta sempre apostou máis pola vía de incentivar e fomentar as boas prácticas, que por penalizar aos produtores con novos gravames.

Imaxes relacionadas