A Xunta realiza unha nova achega de 59.500 unidades de protección contra o coronavirus aos centros asistenciais de Lugo

O Goberno galego completa esta semana o undécimo envío, co que supera as 819.000 unidades distribuídas dende o inicio da crise sanitaria entre todas as entidades sociais, públicas e privadas, que prestan este servizo na provincia

Lugo, 9 de xuño de 2020

A Xunta de Galicia está a realizar un novo envío de material de protección contra o coronavirus aos centros asistenciais da provincia, distribuíndo nesta ocasión 59.500 unidades en 60 residencias, vivendas tuteladas, centros de acollida e institucións similares, xestionadas por máis dunha trintena de entidades públicas e privadas.

Neste novo reparto, o Goberno galego achega 29.500 máscaras e pantallas faciais, 27.700 guantes, 198 batas e mandís, 800 gorros, 900 calzas, 251 botes de hidroxel e 57 garrafas de desinfectante.

Deste xeito, no prazo de dous meses a Xunta leva entregadas 819.150 unidades de protección entre 121 centros xestionados por administracións públicas -a propia Xunta, a Deputación Provincial ou concellos-, asociacións, fundacións e outras entidades sociais que contan con prazas residenciais para persoas maiores, en situación de dependencia ou en risco de exclusión, entre outras circunstancias. En suma, os repartos están a chegar a todas as residencias da provincia que constan no rexistro autonómico.

O material subministrado dende o inicio da crise sanitaria inclúe 396.800 máscaras e pantallas faciais, 359.400 guantes, 15.200 batas e mandís, 42.400 gorros e calzas, así como botes e garrafas de xel desinfectante.

Estas entregas estanse a realizar a través da plataforma loxística que a Xunta puxo en marcha para centralizar a adquisición e a distribución de material de protección durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria por mor do coronavirus.

Con esta medida, a Administración galega pretende garantir a axeitada protección dos profesionais que traballan nestes centros coidando aos colectivos máis vulnerables ao contaxio por coronavirus.