Sanidade reitera por carta a súa solicitude ao Ministerio

A Xunta trasládalle ao Ministerio a petición para que a mobilidade en toda a comunidade autónoma se inclúa na orde ministerial do paso a Fase III

Os datos epidemiolóxicos reflicten en Galicia unha incidencia acumulada do 0,41 por cada 100.000 habitantes fronte ao 4,84 no conxunto de España

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2020

Despois da reunión hoxe do Consejo Interterritorial do Sistema Nacional de Salud (CISNS), a Xunta de Galicia ven de trasladarlle ao Ministerio a solicitude formal para que a orde ministerial do BOE que vai recoller mañá o paso de Galicia á Fase III reflicta a autorización para facilitar a mobilidade en toda a Comunidade Autónoma a partir do vindeiro luns día 8.

O Goberno galego reitera así formalmente a petición que xa fora formulada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo na Conferencia de Presidentes, e polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no CISNS no momento no que se solicitou o paso á Fase III.

O conselleiro de Sanidade dirixiuse por carta ao ministro Salvador Illa fundamentando a solicitude de mobilidade en toda a Comunidade Autónoma nos datos epidemiolóxicos que avalan que en Galicia a Incidencia acumulada nos últimos siete días é de 0,41 casos diagnosticados por cada 100.000 habitantes, fronte aos 4,84 casos por cada 100.000 habitantes no indicador do conxunto de España.

A Xunta considera que a boa situación epidemiolóxica permite avanzar na mobilidade que se solicita de novo formalmente ao Goberno central e que permitirá mellorar á Comunidade desde o punto de vista socioeconómico.

Imaxes relacionadas