O Sergas realizará test de detección da covid a tripulacións de frota de altura e gran altura nos hospitais de Vigo, Santiago, A Coruña e Burela

A tal efecto, hoxe pola mañá, coa presenza dos conselleiro de Sanidade e da conselleira do Mar, asinouse un convenio de colaboración entre o Sergas e o Instituto Social da Mariña, sendo Galicia a primeira comunidade autónoma en facelo

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2020

O Servizo Galego de Saúde realizará test serolóxicos de detección do coronavirus a todos os tripulantes de buques de pesca que realicen mareas superiores aos dez días de duración e non teñan posibilidade de asistencia médica a menos de dúas horas dende a súa ublicación no mar (frota de altura e gran altura).

En función do resultado da proba e da presenza ou non de sintomatoloxía, o facultativo do Instituto Social da Mariña, que é o profesional que fará o test facilitado polo Servizo Galego de Saúde, poderá tomar a decisión de completar o proceso de acordo co protocolo clínico, nos hospitais do Sergas de Vigo, Santiago, A Coruña e Burela, no prazo máximo de 48 horas.

Garantías sanitarias

O sector pesqueiro amosou o seu interese por articular os intercambios de información e traslado dos posibles casos de coronavirus entre os tripulantes, así como pola implementación de medidas sanitarias específicas e áxiles, que eviten demoras innecesarias ou períodos de inactividade ou bloqueo no normal desenvolvemento da campaña.

Esta iniciativa de detección do coronavirus a tripulacións de frota de altura e gran altura, consecuencia dun acordo asinado hoxe entre o Servizo Galego de Saúde e o Instituto Social da Mariña, e que contou coa presenza do responsable sanitario da Xunta, Jesús Vázquez Almuiña; e da conselleira do Mar, Rosa Quintana, convirte a Galicia na primeira comunidade autónoma en asinalo; e suporá a inclusión da covid nos estudos epidemiolóxicos realizados polo ISM, así como a súa utilización para a posta en marcha de campañas de divulgación e prevención sanitaria.

Igualmente, suporá a inclusión na formación dos tripulantes de aqueles aspectos de hixiene, prevención e control de casos de contaxio por covid e a aprobación, por parte do antedito Instituto, dun conxunto de medidas hixiénico sanitarias para os traballadores do mar e outras persoas a bordo de embarcacións en relación co coronavirus.

Imaxes relacionadas