A Xunta aborda co sector do transporte público a posta en marcha de forma inmediata da tarxeta Xente Nova en Ourense e na área de Pontevedra

Os menores de 21 anos poderán solicitar desde o 10 de xuño este dispositivo que lles permitirá realizar viaxes gratis en autobús nestas áreas a partir do día 15

Os maiores de 21 anos destas zonas tamén poderán pedir e empregar a tarxeta TMG desde esas mesmas datas

Esta iniciativa favorece a mobilidade segura, ao evitar o pago en efectivo, e contribúe á sostibilidade do sector do transporte

No encontro analizáronse os incentivos da Xunta, de ata 3.000 euros, para que as empresas e os autónomos do sector poidan dotarse de material de protección
 

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2020

A Xunta aborda co sector do transporte público a posta en marcha de forma inmediata da tarxeta Xente Nova en Ourense e na área de Pontevedra.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o director do Igape, Juan Manuel Cividanes, mantivo unha videoconferencia cos responsables das federacións de transporte de pasaxeiros por estrada.
No encontro trataron a entrada en funcionamento da Tarxeta Xente Nova na provincia de Ourense e na área de Pontevedra, en 13 concellos (Pontevedra, Poio, Ponte Caldelas, Marín, Vilaboa, Soutomaior, Bueu, Sanxenxo, Barro, Moraña, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e A Lama).
O comezo desta medida estaba previsto para mediados de marzo, pero tivo que adiarse pola declaración do estado de alarma.
Os menores de 21 anos poderán solicitar desde o 10 de xuño este dispositivo que lles permitirá realizar viaxes gratis nos autobuses dependentes da Xunta nestas áreas a partir do 15 de xuño.
Ademais, os maiores de 21 anos destas zonas poderán solicitar e empregar a tarxeta TMG desde esas mesmas datas.
Ethel Vázquez subliñou que esta iniciativa favorece a mobilidade segura, ao evitar o pago en efectivo, e contribúe á sostibilidade do sector do transporte.
Explicou que se confirma que Galicia pasa á fase III, o vindeiro luns empezará a notarse un incremento nos servizos interprovinciais, establecéndose servizos de cando menos o 50% no transporte entre provincias.
A vindeira semana tamén se porá en marcha unha campaña divulgativa para incidir na necesidade de cumprir as medidas de prevención establecidas fronte á covid-19 para desfrutar dun transporte público seguro.
Esta campaña recolle consellos sinxelos como manter a distancia social, o respecto ás limitacións de aforo, o uso obrigatorio de máscaras ou o pago preferente con tarxeta TMG ou mediante dispositivos electrónicos.
Incentivos
Na xuntanza tamén se analizaron as axudas aprobadas a semana pasada polo Consello de Xunta, no marco do programa Reactiva Comercio, Turismo e Servizos Seguros no que participan distintos departamentos autonómicos.
Trátase dunha liña de incentivos destinada a varios sectores, entre eles o transporte, para facilitar a súa volta á actividade coas máximas garantías para os profesionais e os usuarios.
Os profesionais do transporte terrestre e marítimo, agás o taxi que conta con liña específica, e de mercadorías e actividades anexas poderán beneficiarse destas subvencións.
As empresas e autónomos do sector poderán acceder a incentivos de ata 3.000 euros para implantar medidas ou dotarse de material de protección e hixiene para os seus traballadores ou usuarios.
A responsable de Mobilidade explicou que as restricións nos desprazamentos derivadas da emerxencia sanitaria tiveron un grande impacto no sector, polo que o Goberno galego, de cara a garantir a súa sostibilidade, vén traballando en distintas liñas de actuación.
Precisou que a Xunta segue demandando ao Goberno central un fondo de compensación de 8 millóns de euros para frear o impacto negativo pola caída de usuarios.
Ademais, o Executivo autonómico está a achegar liquidez co pago de anticipos por importe de 2,4 millóns de euros, correspondentes aos meses de marzo, abril, maio e xuño.
 

Imaxes relacionadas