A Xunta adxudica a obra de rehabilitación de oito vivendas protexidas en Cerdedo-Cotobade por preto de 700.000 euros

No mesmo bloque, o Instituto Galego da Vivenda e Solo investira máis de 300.000 euros na rehabilitación doutras dúas vivendas, que xa foron entregadas en réxime de alugueiro aos seus adxudicatarios, así como da cuberta xeral e das instalacións comúns do grupo de 10 vivendas apegadas

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2020

A Xunta de Galicia investirá preto de 700.000 euros na rehabilitación de oito vivendas no concello pontevedrés de Cercedo-Cotobade, rematando desta maneira a rehabilitación dun conxunto de 10 vivendas, das que dúas xa foron amañadas e entregadas aos seus adxudicatarios.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) adxudicou a rehabilitación das oito vivendas á empresa COVIASTEC, S.L., que disporá dun prazo de nove meses para a execución das mesmas.

A obra consistirá na rehabilitación de oito vivendas existentes en Cerdedo-Cotobade para a súa cualificación como vivendas de promoción pública (VPP) e posterior adxudicación a través do Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia.

O IGVS xa rehabilitou dúas das 10 vivendas das que consta o bloque. A obra consistiu na rehabilitación das dúas vivendas máis a cuberta xeral e instalacións comúns do grupo de 10 vivendas apegadas. As obras da primeira fase foron adxudicadas á empresa Prado Lameiro por un importe de 302.390 (IVE incluído) euros. Unha vez rematadas, as vivendas foron adxudicadas en réxime de alugueiro e entregadas aos beneficiarios.