Os alumnos da 12ª promoción de Policía Local incorpóranse hoxe á actividade lectiva na Agasp tras a suspensión pola covid-19

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe na súa visita ao centro a importancia de “contar con profesionais ben formados para prestar un servizo que se demostrou fundamental tanto nos meses máis duros da pandemia como no actual proceso de desescalada”

A Academia adaptou as súas instalacións e reorganizou os horarios para evitar aglomeracións e retomar as clases coa máxima seguridade

A AGASP adiantou a formación práctica para que os alumnos puidesen colaborar cos axentes de Policía Local dos seus concellos na loita contra o coronavirus

A Estrada (Pontevedra), 1 de xuño de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá as instalacións da Academia de Seguridade Pública (AGASP), que hoxe retomou a actividade lectiva coa incorporación dos 134 alumnos da 12ª promoción do curso básico de selección de Policía Local. Á visita tamén acudiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o alcalde da Estrada, José López.

A Academia suspendeu as clases a mediados de marzo ao decretarse o estado de alarma polo coronavirus, a poucas semanas de que estes alumnos comezasen a súa formación. Hoxe recuperou a súa actividade despois de que o Centro de Coordinación Operativa (Cecop) acordara na súa reunión do pasado 16 de marzo reiniciar a parte teórica da formación destes axentes. Alfonso Rueda destacou que a AGASP “tivo que reinventarse para acoller aos seus alumnos coas máximas garantías sanitarias”.

Os usuarios deberán levar mascarillas tanto nas clases como nas zonas comúns e terán dispensadores de xel hidroalcohólico en cada aula. O centro adaptou as súas instalacións para cumprir coa distancia de seguridade en todo momento, tanto coa reubicación do mobiliario como coa sinalización. Ademais, estableceranse aforos máximos en espazos como no ximnasio, a sala de lecer ou a cafetaría e, ao mesmo tempo, modificáronse os horarios e fixáronse quendas, co obxectivo de reducir acumulacións de xente.

O vicepresidente da Xunta destacou que estes meses os integrantes desta promoción estiveron colaborando cos axentes de Policía Local dos seus concellos de orixe na loita contra a covid-19, debido a que a Academia decidiu adiantar a parte da formación práctica que, de forma habitual, se concentra na época estival. Tamén resaltou o importante labor de tódalas forzas e corpos de seguridade “tanto nos meses máis duros da pandemia como agora durante o proceso de desescalada no que a vixilancia do cumprimento das normas segue a ser fundamental”.

A maioría dos 38 concellos de procedencia dos alumnos teñen asinado convenio coa AGASP delegando competencias na Xunta para seleccionar e formar aos seus axentes nas categorías de Policía Local e auxiliares. Por iso, incidiu na aposta do Goberno galego por “centralizar os procesos de selección para contar con homes e mulleres ben formados que presten un servizo público que cada día se demostra máis imprescindible”.

Os alumnos retomarán desde hoxe a parte teórica ata o 11 de xullo cando volverán aos seus concellos a rematar a formación práctica. Entre setembro e novembro rematarán o curso básico de selección de Policía Local na Academia.

Co mesmo obxectivo de evitar aglomeracións na Academia, os cursos do plan de formación continua dirixidos a membros das forzas de seguridade con destino en Galicia publicados a finais de abril estanse a impartir de forma telemática, aínda que as probas finais se realizarán presencialmente na AGASP.

Por outra parte, o vicepresidente da Xunta lembrou que a bolsa de contratación de auxiliares de policías locais permitiu cubrir as prazas solicitadas polos concellos para facer fronte á pandemia durante o estado de alarma. O Cecop autorizou ademais o inicio das oposicións de auxiliares de Policía Local e das categorías de policía e oficial solicitadas polos concellos. O Diario Oficial de Galicia publicou a semana pasada a convocatoria do proceso selectivo de auxiliares de Policía Local polo trámite de urxencia.

Imaxes relacionadas