Medio Ambiente aproba o primeiro PXOM do Concello de Guitiriz co obxectivo de desenvolver o seu potencial como vila termal

A conselleira Ángeles Vázquez asinou hoxe a orde de aprobación definitiva do plan, que terá unha vixencia de 16 anos e substitúe ás normas subsidiarias de 1985

Entre os eixos do novo modelo de ordenación figuran a posta en valor dos recursos termais do municipio, potenciar o protagonismo da pedra para definir a imaxe do concello e propoñer un crecemento ordenado para usos residenciais

Guitiriz (Lugo), 1 de xuño de 2020-

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá a orde de aprobación definitiva do PXOM de Guitiriz (Lugo), un documento que marcará a evolución urbanística deste concello durante os próximos 16 anos e que outorgará maior seguridade xurídica ao municipio, ao substituír as normas subsidiarias de planeamento municipal de 1985 por un plan moderno e actualizado.

Coa aprobación deste novo documento son xa 107 os concellos galegos que contan cun planeamento adaptado e acorde ao marco urbanístico vixente na comunidade. Así o lembrou a conselleira, quen felicitou á alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, por culminar deste xeito con éxito 15 anos de intenso traballo, durante os que os redactores do plan tiveron que estudar ao detalle os case 294 km2 que abrangue o municipio.

Entre os principais obxectivos da nova ordenación urbanística municipal, Vázquez Mejuto referiuse ao desenvolvemento dos recursos termais de Guitiriz, unha auténtica vila termal que comezou a conformarse a comezos do século pasado coa apertura do Gran Hotel Balneario de San Xoán de Lagostelle e se confirmou nos anos 50 co Balneario de Pardiñas.

O PXOM tentará que este pasado termal se reflicta e traslade á ordenación territorial actual de Guitiriz, a través de proxectos e iniciativas privadas como a creación dunha auténtica vila termal planificada e ordenada, a revalorización do patrimonio cultural e natural de espazos como o Castelo de Parga, a Ponte, a Carballeira e a Fonte e cunha proposta de recuperación do antigo Balneario de Pardiñas.

Así mesmo, a pedra e a canteiría terán tamén un papel singular no desenvolvemento do novo planeamento, tanto na súa vertente industrial, de innovación e creación de emprego, como na de imaxe de marca e recuperación da tradición. Nesta liña, proponse a declaración dunha antiga canteira como Espazo Natural de Interese Local ou dos petróglifos do Concello como Bens de Interese Arqueolóxico; e ao mesmo tempo tamén se potencia a utilización deste recurso como elemento definitorio da imaxe do municipio, presente nas súas ordenanzas, no mobiliario urbano e nas esculturas repartidas polo municipio.

O plan tamén favorece a consolidación do actual parque empresarial de Guitiriz, ampliando a súa superficie para que poida acoller novos proxectos e, en particular, aqueles vencellados á industria da pedra ou relacionados coa mesma.

O terceiro eixo do PXOM parte da propia localización de Guitiriz, que debido á súa centralidade xeográfica e ás súas boas conexións por estrada co resto de Galicia e de España así como coa liña de ferrocarril A Coruña-Madrid e os dous aeroportos coruñeses, constitúe un lugar moi axeitado para a implantación de centros de distribución, produtivos e industriais.

En canto ao solo urbano e urbanizable, que suman o 0,5% da superficie total do municipio, o plan propón crecementos ordenados para uso primario residencial pero tamén fai unha aposta pola recuperación de núcleos tradicionais e do xa construído, prevendo a creación a futuro dunha área específica de rehabilitación do medio rural.

Finalmente, o planeamento reserva 92.519 m2 para espazos libres e zonas verdes, unha previsión moi axustada á superficie esixida por lei; e outros 49.820 m2 a equipamentos comunitarios, un 62,29% máis do que sería obrigatorio segundo o marco normativo vixente.

Imaxes relacionadas