A Xunta licita por máis de 100.000 euros as obras de mantemento e rehabilitación da igrexa de Santa María de Lamas en Boqueixón

Ovidio Rodeiro destacou que estas obras permitirán resolver as patoloxías existentes no ben, causadas fundamentalmente pola humidade

Boqueixón (A Coruña), 01 de xuño de 2020

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro informou hoxe por parte da Xunta das obras de mantemento, conservación e rehabilitación da igrexa de Santa María de Lamas, no concello de Boqueixón, por máis de 100.000 euros. As actuacións terán un prazo máximo de execución de oito semanas desde o inicio dos traballos.

Ovidio Rodeiro recalcou que estas obras “permitirán resolver as patoloxías existentes neste ben, causadas fundamentalmente pola humidade, dado que o inmoble se sitúa nunha zona con abundante auga no subsolo!.

Entre as accións que se levarán a cabo para resolver as afectacións detectadas figuran, entre outras, a realización dunha limpeza manual de toda a cuberta de tella e a substitución de pezas danadas, a limpeza dos parámetros exteriores de xeito manual, ou a reposición de pezas danadas da carpintería. Ademais, nas zonas onde existen pinturas murais procederase a realizar unha toma de datos e analíticas co obxecto de realizar unha avaliación do seu estado de conservación e, no seu caso, realizar unha proposta de intervención de urxencia.

O delegado territorial lembrou que “para poder desenvolver estes traballos, o Goberno galego asinou un convenio de colaboración coa Arquidiócese de Santiago para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación e restauración en varios inmobles eclesiásticos, entre os que se atopa a igrexa de Santa María de Lamas”.

Templo do século XVIII

A igrexa de Santa María de Lamas é un ben protexido incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e recollido no inventario do patrimonio histórico-artístico do Concello de Boqueixón. Trátase dun templo de estilo barroco e nave de planta de cruz latina construída no século XVIII que dispón dunhas dimensións e unha concepción arquitectónica notable.

Nos anos 70 do século XX acometeuse unha nova serie de reformas que incluíron unha nova cubrición ou o remate dos muros de cantaría. No ano 2000, a Xunta executou diferentes obras de substitución da cuberta e no ano 2001 realizouse unha segunda fase que incluíu a reparación de gretas, repoñendo morteiros e fábricas e na que tamén se situaron canlóns e baixantes de cobre para favorecer a drenaxe de toda a contorna da igrexa e a recollida de augas pluviais.