Sanidade presenta unha Guía de saúde infantil para profesionais de pediatría de primaria con recomendacións sobre prevención e promoción da saúde

O grupo de traballo que elaborou esta guía, que consta de 27 capítulos, tivo un marcado carácter multidisciplinar e nel participaron 41 profesionais

A guía incorpora temas novos en relación á anterior entre os que cabe remarcar a avaliación do recentemente nado en atención primaria, o seguimento do neno e a nena prematuros, a alimentación a partir dos 2 anos, a prevención e abordaxe dos trastornos da conduta alimentaria, ou a prevención dos trastornos do sono
 

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2020

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, vén de presentar esta semana unha Guía de Saúde Infantil: actividades preventivas e de promoción da saúde en pediatría de atención primaria, dirixida a pediatras, persoal de enfermería de pediatría, médicos de familia, residentes, matronas, traballadores sociais, odontólogos, etc, que traballan no ámbito da asistencia sanitaria aos nenos, nenas e adolescentes na atención primaria do sistema público de saúde de Galicia.

Segundo remarcou o conselleiro, o Plan de reactivación asistencial en atención primaria en relación coa infección polo Covid establece que dende o luns, 25 de maio, retomáronse progresivamente os controis do Programa de saúde infantil, polo que é o momento da presentación e implantación progresiva das recomendacións recollidas nesta nova Guía de saúde infantil.

Tal e como destacou Almuiña no acto de presentación, no grupo de traballo que elaborou esta guía participaron 41 profesionais cun marcado carácter multidisciplinar (pediatras de atención primaria, persoal de enfermería de pediatría, psiquiatras, psicólogos, e un neonatólogo, ademais de profesionais das direccións xerais de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e de Asistencia Sanitaria do Sergas).

Segundo o conselleiro, a guía, que consta de 27 capítulos, concíbese como un documento de apoio á realización dos controis de saúde que se levan a cabo no ámbito de pediatría de atención primaria, recollendo información actualizada sobre as recomendacións de prevención e promoción da saúde, así como das relacionadas co manexo de determinadas patoloxías ou factores de risco neste nivel asistencial.

Novidades


Esta guía agora presentada vén suceder ao anterior documento publicado polo Sergas no ano 2004 de apoio ao Programa do neno san. Respecto do documento do 2004, a nova guía aporta diversas novidades entre as que caben remarcar varios temas como poden ser a avaliación do recentemente nado co obxecto de detectar precozmente se hai algún problema, ou fomentar a lactación materna; o seguimento do neno e nena prematuros; a alimentación a partir dos 2 anos que é a data na que faise progresivamente máis parecida á do adulto, sendo os obxectivos deste apartado as características da alimentación, tanto das etapas preescolar e escolar como da adolescencia.

Outras das novidades son a prevención e abordaxe dos trastornos da conduta alimentaria, posto que os pediatras de primaria teñen un papel crucial na prevención, detección e diagnóstico precoz dos mesmos; ou a prevención dos trastornos do sono, apartado que inclúe información sobre os mesmos e a súa valoración na consulta de atención primaria.

Outros temas da guía de 2004 pasan agora neste novo documento a constituír un capítulo completo, como é o caso da prevención cardiovascular, a prevención e o manexo da obesidade, a prevención e manexo dos trastornos do comportamento e a detección precoz do trastorno do espectro autista.

Entre os novos contidos en capítulos xa existentes respecto do documento de 2004 están a detección precoz do consumo de cannabis, do trastorno por xogo en Internet, de problemas relacionados co uso das TICs, a prevención do comportamento sedentario, a prevención de patoloxía físico-deportiva, o acoso escolar, ou información sobre o trastorno do espectro alcohólico fetal.
 

Imaxes relacionadas