A Xunta recorda aos furancheiros que poden solicitar aos concellos a apertura dos seus locais ata o 31 de xullo

O CECOP, na súa reunión de 5 de maio, xa recomendara aos concellos ter en conta a posibilidade de ampliar a tempada 2020 para estender a súa actividade

Os municipios contan cun Rexistro de Furanchos para inscribir a estes locais e deberán vixiar e garantir o cumprimento das normas
 

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2020

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias e o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantiveron está mañá unha xuntanza co presidente e o vogal da Federación Provincial de Furanchos, onde se lles indicou que sempre que cumpran coas medidas hixiénico sanitarias establecidas polo Estado, o inicio da súa actividade está permitido dende o 11 de maio naqueles casos en que prestan o servizo ao aire libre e desde o pasado luns, 25 de maio, cando desenvolven a actividade no interior.

Os furanchos son locais nos que os seus propietarios venden o excedente do viño de colleita propia. Trátase polo tanto de lugares abertos ao público, que se ben teñen unhas singularidades que xustifican unha regulación propia e diferente doutros establecementos, deben seguir tamén as restricións que por razóns de saúde pública rexen para os establecementos e locais comerciais, actividades de hostalaría e restauración durante o estado de alarma.

Marta Fernández-Tapias indicoulles que o CECOP na súa reunión de 5 de maio, xa recomendara aos concellos, que son os que teñen competencias nestes locais, ter en conta a posibilidade de ampliar a tempada 2020 ata o 31 de xullo para que os furanchos puidesen estender a súa actividade, que pode ser dun máximo de tres meses, máis aló dos períodos inicialmente autorizados.

Hai que lembrar que cada concello conta cun Rexistro de Furanchos para a inscrición de todos os furanchos que radiquen no seu ámbito territorial, e deberán vixiar e garantir o debido cumprimento das normas.