A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia cos responsables das federacións de transporte de pasaxeiros por estrada

A Xunta e o sector do transporte acordan ampliar os anticipos e urxir ao Goberno central avances no fondo estatal de compensación de 8 millóns de euros

O Goberno galego aumentará ata os 2,4 millóns de euros os anticipos ao sector para contribuír a ofrecerlles liquidez ás empresas de transporte ante a crise da covid-19

A Xunta achegou en marzo e abril 1 millón de anticipos polos servizos de transporte interurbano e entre maio e xuño adiantará 1,4 millóns máis

Abordouse a orde publicada hoxe no DOG, que establece a obriga de deixar baleiro o asento contiguo ao que ocupa un viaxeiro, agás se se trata de persoas que conviven

A fila situada detrás do condutor poderá ocuparse se o vehículo ten anteparo que proporcione a protección necesaria

Nos vehículos ou embarcacións con prazas de pé, poderá haber só dous usuarios por metro cadrado, agás cando se trate de persoas convivintes

Vázquez Mourelle destaca que as medidas establecidas para garantir unha mobilidade segura están a permitir un incremento de usuarios nas últimas semanas
 

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2020

A Xunta e o sector do transporte acordaron hoxe ampliar os anticipos e urxir ao Goberno central avances no fondo estatal de compensación pola caída da mobilidade, cuxo alcance para Galicia se estima en 8 millóns de euros.


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada do director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia cos responsables das federacións de transporte de pasaxeiros por estrada.


Esta xuntanza enmárcase no diálogo que a Xunta vén mantendo co sector para avaliar o impacto e a evolución do transporte público no contexto actual, marcado pola covid-19 e por un descenso da mobilidade.
No encontro acordouse aumentar os anticipos do Goberno galego ao sector ata os 2,4 millóns de euros para contribuír a ofrecer liquidez ao transporte.
A Xunta xa achegou en marzo e abril 1 millón de anticipos polos servizos de transporte interurbano que se están prestando coas concesións actuais, atendendo á petición que formulou o colectivo. En maio e xuño adiantaranse 1,4 millóns máis para axudar ao sector que se viu afectado pola baixada da demanda.


Na reunión reiterouse a necesidade de que o Goberno estatal concrete o fondo de compensación que a Xunta lle vén reclamando para frear o impacto negativo pola caída de usuarios.


Hai dúas semanas, a Administración autonómica xustificou ante o Executivo español a solicitude da citada compensación e no día de onte foron remitidos novos datos adicionais que requiriu o Ministerio.


Neste sentido, a conselleira subliñou a urxencia de avances nestas medidas para paliar o déficit de explotación das actuais concesións e garantir a sostibilidade do sector.

Nova orde

A Xunta e os representantes do colectivo tamén abordaron a nova orde que a Dirección Xeral de Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, con novas medidas sobre a utilización dos servizos de transporte público de titularidade da Xunta.


A disposición indica que en lugar da limitación do 50% da ocupación de prazas, os autobuses deberán deixar baleiro o asento contiguo a cada pasaxeiro, agás cando se trate de persoas que convivan no mesmo domicilio. Se os asentos están separados polo corredor, non se consideran contiguos.


En canto á fila situada detrás do condutor, poderase ocupar se o vehículo dispón de anteparo de protección que separe o espazo do posto de condución desa primeira fila.
En relación á distancia de seguridade, nos vehículos ou embarcacións con prazas de pé, as persoas deben manter entre si sempre a máxima distancia posible. A referencia é que se poden ocupar a metade dos asentos e na zona para viaxar de pé, dous viaxeiros por metro cadrado, excepto persoas que convivan.


Vázquez Mourelle fixo fincapé en que se trata de medidas para garantir unha mobilidade segura e concretou que están a permitir que nas últimas semanas se teña rexistrado un incremento de usuarios.


Sinalou que desde finais de abril se observa unha tendencia de crecemento, máis acusada desde a primeira semana de maio, ao terse duplicado xa o número de viaxeiros con respecto ao período de confinamento.
 

Imaxes relacionadas