A Xunta licita o servizo de apoio na xestión da seguridade das presas e encoros da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa para os vindeiros dous anos
A Plataforma de contratos de Galicia recolle a licitación deste servizo, que contará cun orzamento de máis de 415.000 euros
As empresas interesadas en desenvolver este contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 8 de xullo
O servizo inclúe a redacción de informes, o seguimento dos plans de emerxencia ou a revisión dos datos de auscultación
A empresa adxudicataria tamén deberá realizar tarefas de inspección de seguridade nas presas, encoros e balsas
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de licitar o contrato de apoio na xestión da seguridade das presas e encoros da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa para os dous vindeiros anos.
A Plataforma de contratos de Galicia recolle a licitación deste servizo, que contará cun orzamento de máis de 415.000 euros.
As empresas interesadas en desenvolver este contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 8 de xullo.
O obxecto deste servizo é a colaboración na xestión da seguridade das presas, encoros e balsas de competencia autonómica, desde o punto de vista documental, pero tamén nas inspeccións necesarias para o seu control.
No que se refire ao eido documental, este contrato inclúe unha serie de funcións e tarefas, entre as que se atopa a revisión de propostas de clasificación de presas, encoros e balsas e a redacción de informes.
A empresa adxudicataria tamén deberá realizar seguimento das normas de explotación e dos plans de emerxencia proxectados para cada unha destas infraestruturas hidráulicas.
O servizo abrangue a revisión dos informes de auscultación anuais, así como a actualización do Rexistro de Seguridade de Presas e Encoros e Balsas do ámbito competencial de Augas de Galicia.
Ademais, este contrato prestará apoio técnico ás Comisións de Desaugamento de encoros e tamén á prevención de riscos laborais nos traballos de explotación, conservación e mantemento das presas.
En relación ao eido técnico, este servizo que vén de licitarse tamén contempla a execución de inspeccións de seguridade nas presas, nos encoros e en balsas.