A Xunta flexibilizará as condicións de adxudicación do solo empresarial propiedade da Administración Autonómica para facilitar a reactivación da economía

Feijóo afirma que se facilitará o acceso de novas empresas interesadas en asentarse nos parques empresariais galegos, así como a continuación da actividade daquelas que xa son adxudicatarias de solo en alugueiro ou en dereito de superficie

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe tras a reunión do Consello a flexibilización na adxudicación do solo empresarial propiedade da Xunta, co obxectivo de favorecer a reactivación da economía. Así, estas medidas facilitarán o acceso de novas empresas interesadas en asentarse nos parques empresariais galegos ás que se lles asigne solo industrial ata 12 meses despois do fin do estado de alarma; así como a continuación da actividade daquelas que xa son adxudicatarias de solo en alugueiro ou en dereito de superficie.

No caso das parcelas xa adxudicadas -tanto en alugueiro como en dereito de superficie-, Feijóo destacou que se ofrecerá unha carencia de 12 meses no pagamento do canon en dereito de superficie, para facilitar a recuperación das empresas instaladas. Tamén será posible conceder prórrogas ou ampliación de prazos para o cumprimento de obrigas por parte dos adquirintes de solo empresarial en réxime de compravenda ou en dereito de superficie que así o soliciten.

Por outra banda, e no que respecta ás parcelas que se adxudiquen nos 12 meses posteriores á finalización do estado de alarma, aplicaranse novas condicións que mellorarán as establecidas con carácter xeral.

Así, no caso de parcelas en dereito de superficie, o presidente da Xunta detallou algunhas das condicións que se flexibilizan. Desta forma, entre outras, incrementaranse os prazos actuais do período de carencia, que pasan de 1 ano a 3 anos; e a opción para a adquisición da parcela co desconto do 40% do pagado como canon, que pasa de ser os 10 primeiros anos aos 12 primeiros anos.

Polo que respecta ás parcelas que se adxudiquen en réxime de compravenda ata 12 meses despois do remate do estado de alarma, alongarase o prazo para o pago da parcela. Non en van, actualmente, as empresas dispoñen dun mes desde a notificación da adxudicación e coas medidas adoptadas pasarán a ter 6 meses.
 

Imaxes relacionadas