A secretaria xeral da Igualdade mantén unha reunión coa Asociación de Diagnosticadas de cancro de mama
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, reuniuse esta mañá por videoconferencia coa presidenta da Asociación de Diagnosticadas/os de cancro de mama (Adicam), que leva traballando case dúas décadas no apoio e na atención integral ás mulleres afectadas por esta enfermidade co obxectivo de que teñan unha mellor calidade de vida e benestar.
Esta asociación recibiu o ano pasado a medalla Emilio Pardo Bazán, xunto con Cooperativas Lácteas Unidas e a presidenta do Observatorio contra a Violencia de Xénero, Ángeles Carmona, como recoñecemento ao seu labor en prol da igualdade entre mulleres e homes e polo seu traballo para construír unha sociedade máis igualitaria baseada nos principios de igualdade, xustiza e solidariedade.