A Xunta aposta pola visibilización do papel das mulleres rurais e en acadar a igualdade real no rural galego

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo esta mañá unha reunión por videoconferencia coa presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur), Rosa Arcos

O Goberno galego investiu entre 2009 e 2019 máis de 153.500 euros en apoiar a esta organización a través de distintas liñas de axudas e do convenio para desenvolver accións de sensibilización fronte a violencia de xénero e apoio ás vítimas

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2020

A Xunta aposta por visibilizar e recoñecer o traballo das mulleres rurais e garantirlles igualdade de oportunidades mediante o apoio a organizacións como a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur) que contribúen a reivindicar o papel das mulleres no medio rural ao avogar pola súa integración e a mellora da posición na sociedade.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo esta mañá unha reunión por videoconferencia coa presidenta de Fademur, Rosa Arcos, e tamén con Cristina Pedreira e Lara Fuentes, que forman parte do persoal técnico da federación.

No encontro avaliáronse os programas mediante os que a Secretaría Xeral da Igualdade mantén o seu apoio a Fademur, que entre acordos e distintas ordes de axudas supuxeron entre 2009 e 2019 un investimento por parte da Xunta uns 153.588 euros.

Unha das liñas de colaboración é o convenio para o desenvolvemento de accións de sensibilización fronte á violencia de xénero e apoio ás súas vítimas no medio rural. Este acordo, asinado a finais do ano pasado por un importe de 15.000 euros, ten como obxectivo o desenvolvemento de accións de sensibilización e formación no eido da violencia de xénero, así como a posta en marcha de medidas de apoio ás vítimas desta lacra, e aos seus fillos e fillas. López Abella confirmoulle á presidenta de Fademur que este convenio se volverá a renovar neste exercicio.

Ademais deste convenio, o Goberno galego apoia ás asociacións e federacións de mulleres sen ánimo de lucro como Fademur a través de distintas liñas de axudas para consolidar o movemento asociativo e a promoción de actividades de concienciación sobre a igualdade entre mulleres e homes.

Así, a través da orde de axudas para entidades de iniciativa social para programas para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, Fademur recibiu o ano pasado 40.000 euros para desenvolver o seu servizo integral para mulleres do rural.

Tamén se lle concederon outros 16.579 euros para a realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade e de prevención e loita contra a violencia de xénero con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF. A estas axudas súmanse case 8.000 euros destinados a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres.

Fademur integra a diferentes asociacións de mulleres rurais de ámbito local e comarcal e está composta por 57 asociacións de mulleres rurais. Entre as súas finalidades atópase a de loitar contra as situacións de desigualdade e contra a violencia de xénero e leva a cabo actividades de información, formación, atención apoio e acompañamento ás mulleres do ámbito rural.

Imaxes relacionadas