A Xunta confirma que o novo centro de saúde do Milladoiro estará rematado nun mes pero non poderá entrar en servizo polos incumprimentos do concello de Ames coa parcela

A infraestrutura xa está practicamente rematada, cos traballos executados ao 99%, restando só remates, a sinaléctica ou o axardinamento da parcela

Ethel Vázquez chama ao Concello a acometer as actuacións que lle corresponden, como a urbanización ou a acometida eléctrica, para poder proceder en verán á apertura do centro

As instalacións, cun investimento autonómico de 2,7 millóns de euros, prestarán atención sanitaria a unha poboación que rolda as 14.000 persoas
 

Santiago, 18 de maio de 2020

A Xunta confirma que o novo centro de saúde do Milladoiro estará rematado nun mes pero non poderá entrar en servizo polos incumprimentos do Concello de Ames en relación coa urbanización e dotación de servizos á parcela.
Así o constatou hoxe a conselleira Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que mantivo unha videoconferencia co equipo responsable destas obras para supervisar o seu avance e as medidas de prevención adoptadas con motivo do COVID-19.
Neste encontro, no que tamén participaron o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, comprobouse que as obras están case ao 99% da súa execución total.
O edificio xa está rematado e só restan remates tanto no interior como no exterior, a sinalética ou axardinamento da parcela.
Esta infraestrutura, cun investimento autonómico de 2,7 millóns de euros, prestará atención sanitaria a unha poboación que rolda as 14.000 persoas.
O novo centro de saúde, cunha superficie superior aos 2.100 metros cadrados, conta cun deseño en “espiña de peixe” que mellora a accesibilidade, os espazos de consultas e incorpora os servizos de fisioterapia e odontoloxía.
Ethel Vázquez explicou que estas instalacións estarán finalizadas antes de que comece o verán e en disposición de poñelas en servizo inmediatamente. Non obstante, precisou que os compromisos do Concello con esta actuación non se están a cumprir.
Lembrou que este centro de saúde é froito dun convenio de colaboración entre o Sergas e o Concello de Ames. Porén, o Goberno local non executou a súa parte que atinxe á urbanización e á dotación de servizos como a acometida eléctrica.
Neste sentido, fixo un chamamento ao Concello para que actúe e solucione os problemas para facer efectiva a súa apertura no verán.
Subliñou que a Xunta segue a construír sanidade pública, pois na actualidade están en execución unha decena de centros de saúde, cun investimento de máis de 30 millóns de euros.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. de Sanidade